Allariz acollerá unha nova edición da Feira do Doce, Amendoado e Melindre
A área de Promoción Económica do Concello de Allariz está ultimando os preparativos para celebrar, o domingo día 7 de setembro, a edición número dezanove da Feira do Doce, Amendoado e Melindre de Allariz, cuxo obxectivo é a promoción dos produtos con denominación de orixe de Allariz: amendoados, améndoas de pico, melindres, torta real e licor, como a doutros produtos reposteiros típicos doutras localidades galegas e estatais.
O programa comezará ás 10:00h coa apertura da feira que se prolongará de xeito ininterrompido ata as 21:00h. Entre os eventos previstos destaca a celebración do IV Concurso Afeccionado de Respostería, ás 11:30h, e o Obradoiro de repostería para nenos e nenas, ás 18:00h.
No encontro participarán reposteiros locais que compartirán espazo, no Paseo da Alameda de Allariz, con outras reposterías e adegas convidadas chegadas dende León, Cantabria, Mondoñedo, Cabanas, Pobra de Trives e, por primeira vez, Portugal. Ó longo da xornada os visitantes poderán degustar doces e licores nos postos de venda.
A novidade principal no programa desta edición é a incorporación solidaria, ás 18:30, da degustación dunha escultura de doce en beneficio de Cáritas Allariz.
IV Concurso Afeccionado de Repostería
O concurso amateur de repostería, que xa vai pola súa terceira edición, comezará ás 11:30h. O único requisito para participar é a preparación dunha tartaleta. Haberá premios de 100€, 50€ e 25€, para os tres primeiros clasificados, que se deberán investir no comercio local.
Para participar é preciso inscribirse no Centro de Promoción Económica de Allariz, no teléfono 988 442 210 ou 663956651, ou a través do email participa@allariz.com.
Obradoiro de repostería para nen@s
Os máis pequen@s tamén teñen o seu oco nesta feira coa celebración do obradoiro de repostería que comezará ás 18:00h.