Alemaña centra a atención dos viños da D.O. Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Alemaña continúa sendo un mercado relevante para os viños da D.O. Rías Baixas. Un interese que quedou patente a través da organización de dous seminarios en Hamburgo e Colonia que se desenvolveron a mediados de setembro da man do articulista de viños alemán David Schwarzwälder, tamén Nariz de Ouro 1999, no marco da feira do Viño Español en Alemaña. Dezaseis marcas de Rías Baixas, repartidas en grupos de oito en cada seminario, protagonizaron cada unha destas charlas.

O desenvolvemento desta actividade foi todo un éxito xa que acaparou a atención de 60 profesionais do sector alemán en cada un dos seminarios. Xornalistas, catadores, comerciantes polo miúdo, xornalistas especializados … interesáronse polos viños da D.O. Rías Baixas que xa posúen unha boa presenza no mercado alemán. A directora de mercadotecnia, Eva Mínguez, explica que “Alemaña é un mercado maduro para os viños de Rías Baixas e atractivo para as nosas adegas, porque é un país produtor de viños que lle gusta e consome viño, especialmente viño branco e, por suposto, como coñecedores que son deste produto valoran en gran medida os viños de Rías Baixas, polas súas características e pola súa calidade”. Accións promocionais que terán continuidade no país xermano pola súa importancia no peso das exportacións desta denominación.

Mercado alemán

Alemaña ocupa o terceiro posto como país importador de viños de Rías Baixas no mundo detrás de USA e Reino Unido, que tamén son os outros dous mercados máis importantes para a D.O. Rías Baixas. Con cifras tan relevantes como son 454.726 litros, traducidos en 2.144.243 €.

29 de setembro de 2014 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.