Agustín Hernández elude comentar o aval da Fiscalía de investigar a Paula Prado
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, rexeitou este venres pronunciarse sobre a decisión da Fiscalía de recomendar que se investigue á súa compañeira de partido Paula Prado, exedila na capital galega e actualmente deputada autonómica, por mor da investigación aberta no marco da Operación Pokémon.
Preguntado en rolda de prensa sobre este extremo, o tamén vicesecretario xeral do PP galego sentenciou até en dúas ocasións: “Eu non valoro decisións do ámbito xudicial”.
Pola súa banda, o portavoz do PSOE no Concello de Santiago, Paco Reyes, expresou o seu “máximo respecto” á Fiscalía nas súas decisións. “Eu non son Paula Prado, non poño deberes á Xustiza”, apostilou, crítico con que a parlamentaria chegou a pedir a apertura “dunha investigación” sobre o concelleiro socialista Bernardino Rama.
“A xustiza sabe mellor que eu o que ten que facer e adopta as medidas que cre oportunas”, resolveu o líder da oposición na capital galega, convencido de que a decisión da Fiscalía de investigar se Prado cometeu “un ilícito penal” terá “a súa xustificación”.
“ABSOLUTAMENTE RESPECTUOSO”
Sobre este asunto tamén falou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, momentos antes do inicio do acto solemne de apertura do curso da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
“A miña opinión é ser absolutamente respectuoso. As miñas declaracións para nada van interferir nunha investigación”, subliñou, a preguntas dos xornalistas, e remitiu ao PP para “facer as valoracións” deste caso.











