AGE pide que se investigue cáles son as contas de Povisa e a que destina os fondos do Sergas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) pediu este mércores que a Fiscalía inicie de oficio unha investigación para determinar “cáles son as contas” de Povisa e “a onde vai parar o diñeiro público” do concerto co Servizo Galego de Saúde, tras plasmar a sospeita de que só serve para “aumentar a conta de beneficios” do centro “e da familia Silveira”.

Acompañada de Eva Solla, a parlamentaria de AGE Consuelo Martínez aludiu ao novo concerto do Sergas con Povisa para a atención na bisbarra de Vigo e remarcou que, malia que inclúe modificacións, le “garante unha asistencia sanitaria mínima de 120.000 cartillas e as especialidades nas que é centro de referencia”, o que “garante” ao centro o seu futuro “durante oito anos, prorrogables por dous mais”.

Malia esta “prórroga”, recordou que “nada máis” asinar o convenio Povisa “fixo efectivos 12 despedimentos de persoal sanitario”. Igualmente, incidiu en que, á marxe de reducir o equipo, tamén aumentou o persoal que traballa a tempo parcial e, en consecuencia, a “precarización” laboral, e mantén os salarios “conxelados”.

“A conivencia coa Consellería (de Sanidade) é escandalosa, a Povisa permíteselle facer todo”, remarcou Martínez, para esgrimir que mentres nos hospitais públicos se producen “recortes” o centro sanitario vigués mantén o seu concerto “coa mesma achega económica”.

Así as cousas, preguntouse por que o Sergas mantén “a mesma” dotación económica cando Povisa “está a recortar salarios e persoal”, ao tempo que obtivo “en 2012 uns beneficios de 2 millóns e en 2013 de 11,3 millóns”. Engadiu, ademais, que “arredor do 80 por cento da facturación” do centro “corresponde a diñeiro público”.

Do mesmo modo, alertou de que o centro ten capacidade de destinar “1.500 euros diarios” a pagar multas por “sentenzas que non cumpre”, polo que concluíu que se produce unha “malversación” de diñeiro público, en alusión aos fondos do Servizo Galego de Saúde para garantir a calidade asistencial dos pacientes derivados do sistema público.

“NOVO ENGANO”

Se Martínez recordou que o Consello de Contas e o Valedor do Pobo destacaron reiteradamente a necesidade de “investigar” os beneficios de Povisa, Eva Solla denunciou o “novo engano” da Xunta ao asegurar a cidadanía que poderá elixir “libremente” hospital.

A xeito de argumento, sinalou que “non existe ningún hospital público” capaz de asumir o número de cartillas de Povisa e agregou que o propio borrador do decreto de libre elección, que, segundo os seus cálculos, recibirá en breve a aprobación da Xunta, recoñece que “dependerá” da capacidade dos centros.

3 de setembro de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.