AGE censura a comedia do Partido Popular para culpar agora a Navantia
O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez afeou este venres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a súa falta de “vontade” para dar solucións ao sector naval e censurou tamén a “comedia” que está a facer o PP galego ao culpar agora a Navantia do envío de oito bloques do flotel para a súa construción en Navantia Cádiz.
En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento, Antón Sánchez subliñou que “todo isto é unha continua comedia”, pois “a Xunta non ten nin capacidade nin vontade de resolver o problema do naval”.
“Para constatalo, só hai que fixarse en que, cando se conseguiu o contrato, quen apareceu para presumir foi Feijóo e, cando se desvía a Porto Real, a culpable é Navantia”, relatou, crítico coa “falta de seriedade tan grande” do mandatario autonómico e a súa “falta de capacidade para resolver os problemas”.
E, despois de censurar que “mentira descaradamente” en campaña electoral “prometendo uns contratos” para os estaleiros públicos “que non eran tal”, o parlamentario de Alternativa ha ironizado con que “o único” que Feijóo está a lograr é “a emigración de todo”. “Neste país emigran os mozos, as mulleres, os homes… e ata os barcos”, concluíu.











