AFAL Ferrolterra recoñece como Socio do Ano a José Anca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Entrega da distinción

Entrega da distinción

Unhas 120 persoas participaron o pasado venres na Cea Solidaria anual que AFAL Ferrolterra celebra cada ano con motivo do Día Mundial do Alzhéimer. Unha cita na que participou o equipo de traballadores, colaboradores, voluntarios, amigos e autoridades como o almirante xefe do Arsenal, Manuel Garat; os alcaldes de Ferrol, José Manuel Rey; Neda, Ignacio Cabezón, e Cedeira, Luís Rubido; ou concelleiros das corporacións de Ferrol –Rosa Martínez Beceiro, Ramón Veloso e Juan Fernández, Narón –María del Carmen Espada, Natalia Hermida, María Porto e Catalina García.

Todos eles compartiron unha velada no Hotel Carrís Almirante na que non faltou a música, da man do grupo Os Tsares. No transcurso da mesma produciuse tamén un dos momentos máis emotivos. E é que por primeira vez, a asociación entregaba o seu distintivo Socio do Ano. A presidenta de AFAL, Milagros Prieto, explicou que desde os seus inicios a asociación atopouse con institucións e persoas dispostas a axudarlles no seu camiño, colaborando dunha ou outra forma. Unha lista moi extensa e que, por iso, AFAL quería agora corresponder un pouquiño a ese agarimo coa creación da figura do Socio do Ano. Un recoñecemento humilde para un dos seus socios. Foi entón cando deu o nome do primeiro Socio do Ano, José Anca, de Viaxes Paco. Un home comprometido con AFAL. Un socio de AFAL comprometido.

Un recoñecemento que concluíu coa entrega dunha placa conmemorativa. Os actos programados con motivo do Día Mundial do Alzhéimer continuarán mañá martes, 15 de setembro, con senllos peditorios no Hospital Naval e o Hospital Arquitecto Marcide, entre as 9,30 e as 13,30 horas.

15 de setembro de 2014 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.