AFAL Ferrolterra convida á cidadanía a porse no lugar dun enfermo de Alzheimer
En colaboración con Parque Ferrol, AFAL Ferrolterra brindará á cidadanía a posibilidade de porse no lugar dun enfermo de Alzheimer e comprobar por si mesma as dificultades que sofren no seu día a día ao realizar accións tan sinxelas e rutinarias como vestirse ou comer. Será a través do Circuíto do Alzheimer, unha actividade na que poderán participar as persoas que se acheguen este venres, 19 de setembro, entre as cinco e as oito da tarde, ao centro comercial ferrolán.
O obxectivo do proxecto, incluído na programación dos actos deseñados por AFAL para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer, é informar a deterioración que a enfermidade produce nas distintas capacidades das persoas, logrando contribuír á sensibilización da poboación divulgando os sinais que posibilitan detectar alteracións das “actividades avanzadas” da vida diaria. Deste xeito, o circuíto consta de cinco estacións, dedicadas aos diferentes aspectos que ven alterados nunha persoa enferma e, en cada unha delas, desenvólvense diferentes probas.
Na Estación de entrada recíbese aos participantes do circuíto e, a través de follas informativas e explicacións complementarias, o persoal expón en que consiste o percorrido. A Estación 1, denominada Memoria e orientación, consta de probas nas que se pretende pór de manifesto as dificultades dun enfermo de Alzheimer para evocar recordos e reter nova información, así como para situarse nos contextos espacial, temporal e persoal. Na segunda Estación, a de Comunicación, as probas que se propoñen tratan de sensibilizar acerca dos problemas de comunicación presentes na enfermidade de Alzheimer, especialmente no referido ao emprego da linguaxe verbal. Así mesmo, na Estación 3, Habilidades motrices, as probas tentan que os participantes comprendan os sentimentos dun enfermo á hora de realizar diversos movementos, xa que a doenza leva alteracións no control motor, que se manifestan en forma de problemas de coordinación, de equilibrio, apraxias…
As tres probas da Estación 4, Percepción e razoamento, proporcionan información acerca das dificultades para explicar o que sucede ao noso ao redor e para integrar e recoñecer a información que recibimos polos sentidos. E, o cinco, Actividades da vida diaria, pecha o circuíto facendo alusión ás repercusións de todas as alteracións expostas nas estacións precedentes na vida cotiá dun enfermo de Alzheimer.











