AFAL celebra o sétimo aniversario do seu Centro de Día, pioneiro na comunidade galega

Aniversario de Afal
AFAL celebrou esta tarde o sétimo aniversario do seu Centro de Día Terapéutico da rúa Río Castro. E fíxoo con manualidades, cunha deliciosa merenda e a mellor música do cantante Joselo. Sete anos de vida dun centro que, no seu momento, foi pioneiro en toda Galicia, ao ser o primeiro destas características que unha asociación puña en marcha na Comunidade. Sobre as catro da tarde, a pintora e profesora María Porto púxose a bata e colleu os óleos para axudar aos maiores de AFAL a pintar, cos seus familiares, un bonito cadro coa imaxe da asociación e o lema “Eu non me esquezo”.
Tras as manualidades, os maiores recobraron forzas para encarar o baile posterior grazas a unha merenda a base de diferentes tortas e bizcochos. Así, e antes de comezar o baile, os maiores de AFAL, representados pola presidenta da asociación, Milagros Prieto, quixeron entregarlle a unha representación de Cabanas Rural Asociación de Mulleres unha pequena placa. Era o modo de agradecerlles a súa colaboración permanente. Precisamente, dita entidade aproveitaba a festa desta tarde para facerlle entrega a AFAL da recadación da Tarde Solidaria que levaron a cabo o pasado mes de xuño. Unha tarde que desde hai anos dedican á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias e na que os propios maiores usuarios do centro teñen un especial protagonismo. E, para rematar, baile cun cantante de luxo: Joselo que, unha vez máis, quixo regalar as súas cancións aos maiores de AFAL, ás súas familias e á asociación.
A presidenta de AFAL, Milagres Prieto, apuntou que a festa aniversario inclúese nos actos programados pola asociación para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer. Esta mesma noite, e nese contexto, celebrarase a tradicional Cea Solidaria Anual no hotel Carrís Almirante. E, a próxima semana, AFAL repetirá os seus peditorios no Hospital Arquitecto Marcide e no Hospital Naval (o martes 16) e en diferentes rúas da cidade de Ferrol (o mércores 17).











