AFAL celebra o sétimo aniversario do seu Centro de Día e a súa Cea Solidaria anual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Os usuarios do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra e os seus familiares serán os grandes protagonistas da celebración do sétimo aniversario das instalacións, situadas na rúa Río Castro da cidade naval. Segundo explicou esta mañá a presidenta da entidade, Milagros Prieto, a festa terá lugar este venres, 12 de setembro, a partir das 16 horas e inclúese no calendario de actos organizados por AFAL para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer.

No transcurso da mesma, e baixo a dirección da pintora María Porto, os usuarios realizarán, xunto aos seus netos, un gran cadro que pasará a formar parte do propio centro. A continuación, poderán gozar dunha merenda e dun baile amenizado polo cantante Joselo. Ademais, representantes da Asociación de Mulleres Cabanas Rural de Lavandeira entregarán á entidade a recadación da súa tarde solidaria, celebrada en xuño cun gran éxito de asistencia. Neste sentido, Milagres Prieto destacou a importancia das instalacións, pioneiras na comarca, para o tratamento e atención aos enfermos de alzheimer.

De luns a venres, desde as 8 até as 20 horas, atende a unha media de corenta persoas afectadas pola enfermidade. O obxectivo é retardar ao máximo os seus efectos e, para iso, os usuarios participan en diferentes terapias e talleres (psicomotricidade, memoria, estimulación cognitiva, relaxación, orientación témporo-espacial, musicoterapia…). Non só iso, o equipo multidisciplinar de AFAL Ferrolterra tamén presta axuda aos familiares a todos os niveis, desde a resposta a consultas sociosanitarias até o apoio a nivel xurídico. A presidenta de AFAL lembrou que a celebración do sétimo aniversario do Centro de Día inclúese no programa de actos deseñado pola entidade para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer.

Ademais, apuntou que non será o único acto previsto para a xornada do venres. Así, a asociación celebrará a súa tradicional Cea Solidaria anual. Comezará ás 21,30 horas no hotel Carrís Almirante da cidade naval. Grazas á colaboración dos Tsares, os asistentes poderán gozar tamén de música e baile. As persoas interesadas en anotarse aínda poden facelo no correo comunicación@afalferrolterra.com. O prezo do menú é de 30 euros.

10 de setembro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.