Afaber impartirá unha sesión informativa sobre o alzheimer na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O 21 de setembro é o Día Mundial do Alzheimer, e a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e/ou outras demencias de Bergantiños (AFABER) organiza e desenvolverá unha serie de actividades e eventos en conmemoración desa data.

O Concello da Laracha colabora coa citada entidade e acollerá o martes 16 de setembro a partir das 20.00 horas na Casa da Cultura a sesión informativa titulada O alzheimer, unha realidade. As poñentes serán Ángela Espasandín, traballadora social de AFABER, e Paula Parga, que é terapeuta ocupacional.

As persoas presentes poderán coñecer como detectar os primeiros síntomas desta enfermidade e, entre outros moitos contidos, o modo de prestar as correspondentes atencións e coidados básicos ás persoas que a padecen. Tamén se lles ofrecerá a posibilidade de realizar preguntas e aclarar calquera dúbida que teñan sobre o alzheimer.

Non se require de inscrición previa, sendo a entrada libre e a participación gratuíta.

4 de setembro de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.