Aemos e Abanca asinan un novo convenio de colaboración

Sinatura do convenio
O presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) José Mañas, asinou unha nova adenda ao convenio de colaboración que esta entidade empresarial mantén con ABANCA desde o pasado ano.
O acordo subscrito con AEMOS vén reforzar a estreita relación existente entre ABANCA e o sector empresarial provincial, dentro do apoio que de forma xeral a entidade financeira presta ás empresas no seu interese por favorecer e facilitar o desenvolvemento económico do seu ámbito de actuación e, concretamente, en Mos.
O convenio presenta unha ampla oferta de produtos e servizos en condicións vantaxosas dirixidos aos empresarios e profesionais de AEMOS, preto de 400, que lles permitirá favorecer e mellorar o desenvolvemento da súa xestión e actividade. Entre eles destacan:
– Operacións de financiamento de empresas xa en funcionamento para investimentos, adquisición de naves, locais e oficinas; cobertura de necesidades de circulante e liñas de desconto comercial; para comercio exterior, xa sexa importación ou exportación; investimento en activos fixos vía leasing e renting, así como unha ampla gama doutros produtos e servizos financeiros para empresas e empresarios.
– Ampla oferta de produtos e servizos de ABANCA en condicións vantaxosas. Entre eles: xestión de puntas de tesouraría; servizo de estranxeiro; banca electrónica; servizo nóminas, domiciliación de recibos, pago de impostos; ampla gama de seguros e plans de pensións e apoio ao comercio con tarifas planas en servizo de TPV físico instalado, sen mínimos nin comisións.
Ao acto da sinatura do convenio, celebrado o pasado venres, asistiron ademais do presidente José Mañas, o xerente de AEMOS, Francisco Rodríguez, e por parte da institución financeira Silvia Valverde, directora da sucursal de Puxeiros (Mos) e Luís Martín Blanco Conde, director de zona Porriño – Condado Paradanta.











