Aemos creará unha empresa virtual para desenvolver un novo plan de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

INSERE 5, así se denomina o novo plan de emprego posto en marcha pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). A traxectoria e o bo traballo realizado até o momento en materia de emprego fixeron que a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia cofinancie, por quinta vez, esta política activa de emprego no municipio de Mos.

INSERE 5 deu comezo o 1 de setembro e prolongarase até o 31 de maio de 2015; serán nove meses de intensa actividade, nos que un total de 100 mosenses participarán de diversas accións, seguindo unha metodoloxía innovadora, co obxectivo último da inserción laboral. Un reto renovado cada ano por AEMOS, que sempre cumpre e mesmo supera as porcentaxes de inserción fixados, “e por iso é polo que a Xunta, á cal agradecemos enormemente o seu apoio, volva apostar pola asociación concedéndonos un novo programa desta índole”, sinala José Mañas, presidente de AEMOS.

INSERE 5 non é unha mera continuidade dos plans integrados de emprego executados por AEMOS en anos anteriores. Aínda que, é certo que en esencia pode semellar unha liña continuista, xa que tamén levarán a cabo accións habituais como as sesións de desenvolvemento persoal e de procura activa de emprego, as técnicas de elaboración do currículo ou prácticas con compromiso de contratación, “neste programa AEMOS fai unha aposta pola innovación”, remarca o seu xerente Francisco Domínguez facendo referencia a novas metodoloxías de aprendizaxe e transferencia de coñecemento. “A meta última de INSERE 5 é espertar conciencia no usuario para que acepte a responsabilidade das súas propias decisións e desenvolva habilidades para realizar un autoanálise persoal e da súa contorna, así como emprender o seu propio plan persoal de emprego, abandonando a situación de estancamento”.

Para iso, deseñarase unha empresa virtual, o que posibilitará o desenvolvemento dunha simulación empresarial, permitindo aos usuarios do programa coñecer de primeira man os diferentes departamentos da empresa, a súa funcionalidade e a súa interdependencia. “Trátase de conseguir que os participantes do plan coñezan a interrelación entre as diversas áreas da empresa, o impacto das decisións a cada área, a necesidade de cooperar e traballar en equipo, tomar decisións, enfrontarse ao cambio e aumentar o seu coñecemento empresarial desde unha perspectiva global”.

Neste novo proceso metodolóxico participarán, ademais dos técnicos responsables, as propias empresas asociadas, as cales xogarán un papel fundamental no proceso de aprendizaxe, así como no resultado final do proceso: a colocación. Este modelo de aula empresa pivotará sobre o establecemento de tres áreas (administración e recursos humanos; compras, vendas e mercadotecnia e produción e loxística) á fronte das cales estará un responsable-titor que exercerá as funcións de xefe de departamento, quen dirixirá ao seu equipo. Desta maneira, ao pasar todos os usuarios polos diferentes departamentos “serviranos tamén para coñecer en que ámbito se desenvolve mellor cada persoa, podendo profundar no desenvolvemento dun perfil profesional concreto de cara á súa inserción no mercado laboral”, puntualiza Rebeca González, axente de emprego de AEMOS.

Usuarios do plan

Actualmente o programa pasa pola súa fase inicial de selección de usuarios. Neste sentido, desde AEMOS informan que as persoas interesadas en participar deben acudir á oficina de emprego e solicitar inscribirse no código 930.

INSERE 5 vai dirixido a persoas desempregadas con domicilio no termo municipal de Mos: mulleres, menores de 30 anos, persoas discapacitadas, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero ou procedentes dun Expediente de Regulación de Emprego. Precisamente, nesta última condición fan fincapé desde AEMOS presentándolle ás súas empresas asociadas o proxecto de cara a que poidan utilizalo como política de recolocación, e é que no último ano presentáronse no municipio un total de 17 Es.

12 de setembro de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.