Aberto o prazo para formalizar as inscricións nas escolas deportivas de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia abre o prazo de inscrición para o novo curso das Escolas Deportivas Municipais. Ao igual que anos anteriores as inscricións pódense facer nas oficinas municipais ata o 30 de setembro. O inicio do curso será en outubro.

A oferta deportiva abrangue actividades como Judo, Taekwondo,Patinaxe, tenis, baloncesto, xadrez ou danza moderna.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, crearanse os grupos segundo as idades dos rapaces e o número de anotacións. Estas escolas deportivas están destinadas a rapaces de 5 anos en diante. “É importante ofrecer unha oferta variada e de calidade, algo que desde o Equipo de Goberno de Ribadumia estamos conseguindo, non só coa posta en marcha destas Escolas Municipais senón tamén co apoio económico aos clubs locais, como os de fútbol e piragüismo, que fomentan o deporte base”, defende a alcaldesa Salomé Peña.

A Escola Deportiva de Judo ten previsto desenvolverse no Ximnasio de Barrantes os martes e xoves. Os mércores é quenda da Escola de Patinaxe, no Pavillón Municipal de Sisán, da Escola de Tenis, no Pavillón Municipal de Ribadumia e a de Taekwondo no Ximnasio de Barrantes. En canto á Escola de Xadrez, impártese os luns na Casa de cultura de Ribadumia. As datas e lugares de baloncesto aínda están por determinar, pero con toda seguridade terá lugar no pavillón de Ribadumia. Danza moderna, o igual que o ano pasado será os sábados alternos no Centro Social de Barrantes.

As Escolas Deportivas de Judo, Taekwondo e Patinaxe organízanse en colaboración coa Deputación de Pontevedra, mentres que as de Tenis, Xadrez, Baloncesto e Danza Moderna son subvencionadas pola Concellería de Deportes. Todas contan coa ensinanzas de profesores titulados procedentes de cada unha das federacións galegas. O pasado curso participaron un total de 212 nenos do municipio nestas actividades que pretenden promocionar o deporte en idade escolar e ensinar e perfeccionar aos rapaces en diferentes disciplinas deportivas. Ao igual que o ano anterior, no que respecta ás Escolas Deportivas de Tenis e Danza Moderna ofrécense para nenos e adultos.

2 de setembro de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.