Aberta ao tráfico a A-8 tras o novo corte por mor da néboa
A Autovía do Cantábrico, A-8, quedou reaberta ao tráfico pouco antes das 15,00 horas deste martes tras permanecer cortada de novo desde a tarde do luns en ambos os sentidos entre os municipios lucenses de Mondoñedo e Abadín por mor da néboa.
Segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a A-8 estivo cortada este martes até as 14,55 horas aproximadamente entre os quilómetros 536 (Mondoñedo) e 552 (Abadín) por mor da néboa.
En concreto, tras o corte rexistrado entre a tarde do domingo e parte da mañá do luns, de novo desde as 19,24 horas do luns a autovía estivo cortada pola néboa no mesmo punto da provincia de Lugo.
Os cortes en ambos os sentidos desta autovía foron constantes despois de que, a finais do mes de xullo, un accidente en cadea con case medio centenar de vehículos implicados acabase cunha muller falecida e varios feridos.
De feito, o Goberno xa advertira de que o tramo da A-8 afectado pola néboa manterá os peches temporais ata que se implanten as medidas de seguridade proxectadas polo Ministerio de Fomento.











