Aberta a inscrición para o obradoiro de teatro cómico en Verín
Os mozos e as mozas de Verín que queiran participar nun Obradoiro de Teatro Cómico con 15 horas de formación gratuíta, poden inscribirse até o venres día 03 incluído no Negociado de Cultura do Concello de Verín, na Cruz Vermella; nos IES Xesús Taboada Chivite, García Barbón e Castro de Baronceli; no Colexio Privado Plurilingüe María Inmaculada e no Colexio Apostólico Mercedario.
O curso de iniciación ás técnicas de clown acollerá un máximo de 25 participantes. Aínda que está dirixido a mozos e mozas de 16 anos en diante, de haber postos vacantes aceptarase a participación de rapaces/zas con 15 anos cumpridos ou que os fagan neste ano.
As actividades formativas desenvolveranse na Casa da Cultura en horario extra-escolar de fin de semana (venres e sábados). O calendario formativo comezará o día 3 e rematará o día 11. Como colofón do curso, está prevista a representación dunha peza de teatro cómico creada e interpretada polos participantes.
O Obradoiro de Teatro Cómico para a mocidade será impartido por Fran Rei e Pedro Brandariz, membros da compañía Os Sete Magníficos máis Un. A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da que forma parte o Concello de Verín promove e financia a actividade.











