Abegondo reunirá a centos de persoas no Mercado Agroalimentario, o Mercado de Segunda Man da reserva e a III Carreira de Burros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoCalendario
A-
A+

Abegondo volverá ser este domingo, 14 de setembro, o foco de atención da comarca. Aos postos da feira tradicional, uniranse diversas propostas promovidas para o Concello con obxecto de apoiar aos emprendedores e dinamizar o desenvolvemento local do municipio.

O mercado agroalimentario reunirá a emprendedores agropecuarios da contorna, dispondo dun espazo para dar a coñecer os seus produtos. A agricultura ecolóxica, os produtos artesanais como o queixo, as marmeladas, a cervexa artesanal, o mel ou os ovos, ou o cultivo do lúpulo serán algúns dos exemplos que se poderán ver en Abegondo.

Son todas opcións traballadas polos emprendedores da zona para o desenvolvemento dunha actividade económica nestes difíciles momentos económicos. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destaca que moitas destas experiencias na área están a ter éxitos porque son “producións de calidade, moi ben coidadas e con moito traballo detrás”.

O alcalde aposta por “promocionar os circuítos curtos de comercialización, a comarca ten potencial para autoabastecerse sen necesidade de grandes multinacionais”.

O denominador común destes produtos ofrecidos no mercado agroalimentario será a calidade e o traballo artesán. Estas son as características que demandará a futura marca de calidade da reserva de biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O segundo mercado de segunda man e trueque discorrerá en paralelo, organizado pola reserva de biosfera. Unha trintena de veciños montarán un posto na iniciativa para tratar de sacar un beneficio económico a moitas cousas que tiñan gardadas en casa. Mobles, xogos antigos, roupa, libros, música e unha infinidade de obxectos comporán a oferta.

“Queremos potenciar a reutilización, son tempos para usar a imaxinación e non desaproveitar nada”, indica Santiso.

A parte máis lúdica será a Carreira de Burros, que alcanza este ano a súa terceira edición tras o sobresaliente éxito das dúas primeiras. Está prevista para as 12.00horas.

Tamén se poderá gozar no campo da feira dunha Concentración de Vehículos Clásicos, cuns 25. Está organizada por Automóbil Club de Galicia. Non faltaría a gastronomía para os asistentes. Polbo e churrasco serán as opcións dos asistentes para combinar a xornada cunha boa comida

11 de setembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.