publicidade hoxe

A XXXII Carreira Pedestre da Amaía inicia o seu prazo de inscrición vía Internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A XXXII Carreira Pedestre da Amaia, que se celebrará o domingo 6 de outubro, abre o seu prazo de inscrición. O Concello de Brión lembra que non se admitirán inscricións o mesmo día da proba, polo que aquelas persoas interesadas en participar deberán inscribirse vía internet a través da web municipal (www.concellodebrion.org) ou no blog (http://carreirapedestredaamaia.blogspot.com.es/) antes do mércores 3 de outubro. As inscricións dos adultos custarán 5 euros, mentres que as dos menores de 12 anos son de balde.

A gran novidade deste ano é o cambio no percorrido das carreiras. Os menores de 12 anos farán un circuíto de 500 metros con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia. Ás 11:00 horas disputarase a categoría absoluta, de 8 quilómetros de lonxitude. O novo percorrido, tamén con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia, baixa pola avenida de Santa Minia para cruzar as aldeas de Pedrouzos e Liñares, dende onde se collerá pola estrada provincial CP-1301 ata o límite con Brión de Abaixo. Os corredores baixarán ata a aldea de O Casal para retornar á aldea de Liñares, onde haberá un avituallamento líquido. O último tramo levará aos corredores pola avenida de Lamiño, ata Brans de Abaixo e de volta á carballeira.

O Concello de Brión entregará trofeos e premios en metálico aos 6 vencedores absolutos (3 homes e 3 mulleres) e trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha das trece categorías establecidas, así como para o primeiro home e a primeira muller empadroados en Brión. Ademais, haberá camisetas e bebidas para todos os participantes que cheguen á meta dentro do control, que se pechará 50 minutos despois de que o primeiro clasificado entre na liña de meta.

A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 32 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todo os anos o domingo seguinte á celebración da Romaría de Santa Minia. O “maratón da Amaía” (como se denominaba nos seus inicios) sumouse aos actos de celebración da Santa Minia, alá polos anos 80, pola enorme expectación e éxito da súa organización.

16 de setembro de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.