publicidade hoxe

A Xunta promove o turismo galego en feiras de Xapón e Brasil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita, encabeza a representación galega que participará entre os días 26 e 28 de setembro na feira JATA Travel Showcase 2014, que se celebrará na capital do Xapón e na que a comunidade galega contará cun módulo dentro do stand de Turespaña, coordinado pola Oficina de Turismo de España neste país asiático. Ademais, entre onte e o día 28 de setembro, Turismo de Galicia participa na feira da Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes (ABAV) que se celebra en Río de Xaneiro e na que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia tamén conta cun espazo dentro do stand de Turespaña.

Polo que respecta á feira JATA Travel Showcase 2014, segundo a experiencia de anos anteriores, reafirma a necesidade de continuar reforzando a presenza galega en Xapón, debido ao interese que esperta a Comunidade galega neste país, sobre todo no relacionado co Camiño de Santiago, o turismo cultural, a gastronomía e a natureza.

O día da inauguración estará dedicado aos profesionais do turismo nipón, e Turismo de Galicia terá a oportunidade de contactar con varias empresas operadoras xaponesas, mentres que durante a fin de semana, o certame estará aberto ao público xeral, moi interesado polas viaxes turísticas.

Público xaponés

O público xaponés que visita esta feira busca destinos con personalidade propia e mostra moita curiosidade pola historia, a arte, a natureza, a gastronomía ou os aloxamentos senlleiros.

Neste ámbito, Turismo de Galicia presentaralles aos operadores turísticos as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas. Ademais, o público final poderá obter directamente información sobre a oferta turística da comunidade galega.

Brasil

Por outra parte, Turismo de Galicia participa desde onte na feira ABAV de Río de Xaneiro, tamén cun expositor dentro do stand de Turespaña co obxecto de promocionar entre os profesionais do turismo brasileiros a oferta turística galega.

ABAV é un certame exclusivamente profesional, organizado pola Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes que este ano celebra a súa 42 edición e no que os recursos e os produtos turísticos galegos xa se veñen promocionando desde hai varios anos.

25 de setembro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.