A Xunta promove o proxecto de restauración do interior do Mosteiro de San Pedro de Soandres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O mosteiro de San Pedro de Soandres, emblemática edificación datada no século X que hoxe fai as funcións de igrexa da parroquia larachesa na que se sitúa, será obxecto en próximas datas dunha nova intervención promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que xa solicitou ao Concello da Laracha a correspondente licenza de obra.

O proxecto, que conta co preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, está valorado en 166.000 euros e ten por principal finalidade resolver determinados problemas de humidades que presenta o interior da edificación, mellorando as condicións higrotérmicas.

Entre as actuacións previstas cabe salientar as relativas e mellorar a ventilación interior (construirase unha banda de aireación perimetral en muros e piares), a completa limpeza dos muros, aplicación dun novo revoco de cal en paredes interiores para eliminar manchas e descorchados, o saneamento do teito de madeira, o novo deseño da iluminación interior e a colocación dunha escaleira metálica de acceso ao campanario que ofrecerá maior seguridade que a actual.

O mosteiro de San Pedro de Soandres, polas súas características e importancia histórica, é o máis valioso dos elementos arquitectónicos existentes no Concello da Laracha, estando incluído no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia e sendo un dos máis relevantes reclamos turísticos da zona interior do municipio.

Durante as últimas décadas foi obxecto de diversas intervencións dirixidas a mellorar as súas condicións tanto no interior como nas fachadas exteriores e tamén no entorno no que se sitúa.

A primeira gran actuación acometeuse na década dos anos ’80, cando se consolidaron os arcos das naves, foi renovada a cuberta e mellorouse a recollida das augas pluviais. No ano 2004 construíronse drenaxes para reducir a humidade e substituíuse o antigo solo de madeira por outro de lousas de granito. Durante a realización destas obras apareceron dous altares que estaban ocultos, sendo integrados no novo pavimento.

Máis recentemente o Concello da Laracha promoveu varias actuacións cuxa finalidade foi resaltar a beleza do entorno do mosteiro e ofrecer aos veciños e visitantes un punto de encontro de referencia e unha área de diversidade de usos xunto á emblemática edificación. Así, renovouse o pavimento no exterior do conxunto que forman o templo e a casa reitoral, creouse unha praza pública equipada co correspondente mobiliario urbano e iluminación pública e foi acondicionada unha ampla explanada que é utilizada como aparcadoiro de vehículos e, nos días de celebracións parroquiais, como campo da festa.

13 de setembro de 2014 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.