A xunta local da luz verde á licitación das obras de rehabilitación do centro cívico de Ferrol Vello
A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a licitación para a contratación das obras de rehabilitación do Centro Cívico de Ferrol Vello mediante procedemento aberto con pluralidade de criterios.Esta resolución permitirá ao Goberno Municipal avanzar na recuperación real deste inmoble.
Así, trala rescisión das obras paralizadas dende o cuadrienio anterior e os pertinentes informes de Patrimonio, o executivo de Jose Manuel Rey Varela deu hoxe luz verde ao inicio do proceso de contratación para a rehabilitación do local social de Ferrol Vello. Esta actuación ten un importe de 350.000 euros e se realizará con cargo aos fondos do Programa Urban Ferrol.
Cómpre lembrar que as obras do local social de Ferrol Vello foran paralizadas durante o cuadrienio anterior cando a penas se executara o 5% dos traballos de rehabilitación comprometidos, o que impediu ao actual goberno municipal ceder a actuación a outra empresa para que continuara coa mesma ao non chegarse ao mínimo do 20% de execución que marca a normativa. Así mesmo, foi necesario redactar un novo proxecto de rehabilitación posto que o adxudicado polo anterior executivo local incumpría as condicións patrimoniais que esixe o BIC ao contemplar a alteración de volumes.
A nova proposta de intervención feita polo actual Goberno Municipal de Rey Varela xa conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Asemade, o pasado 19 de maio, a Xunta de Goberno local tamén acordaba, e logo dun proceso longo e complicado, anular o contrato que o Concello firmou en 2009 cunha empresa para a execución duns traballos que nunca se chegaron a levar a cabo pola desaparición de dita empresa.
Renovación de vehículos policiais
Noutra orde de cousas, o a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adquisición de dous novos automóbiles -un todoterreo e un vehículos patrulla tipo monovolume- para a Policía Local de Ferrol. Esta adxudicación responde ao proceso de mellora de medios materiais e de renovación do parque móbil deste corpo municipal de seguridade. Así, o contrato foi adxudicado ás empresas Autos Ferrol, S.A. e Manuel Rey S.A. por un importe total de 66.235,03 (IVE incluído).











