A Xunta estuda a colocación de cámaras no garaxe dos xulgados de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se estuda a implantación de videovixilancia no garaxe de acceso aos xulgados de Santiago tras o roubo dunha caixa forte en dependencias xudiciais de Fontiñas, á vez que defendeu que xa se reforzou” a seguridade no sistema de acceso ao edificio.

“Procedemos e melloramos a seguridade nas dependencias”, aseverou o presidente galego, tras o Consello da Xunta, para engadir que “hai que proseguir, porque esas medidas de seguridade foron burladas”.

Feijóo tamén aludiu á investigación en marcha por parte do Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago, que pretende aclarar o roubo dunha caixa forte de dependencias xudiciais, así como se faltan probas ou documentos ao advertir cousas “alteradas” no arquivo onde se gardan en Fontiñas.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), fai un par de semanas roubaron unha caixa forte do Xulgado de Primeira Instancia Número 2 de Santiago, polo que está a elaborar un informe para determinar que contiña, aínda que as mesmas fontes apuntaron que non se bota en falta nada recente”.

En canto a esta subtracción, apuntaron que se investiga, ademais, a suposta falta dun mando do garaxe dos xulgados pertencente aos axentes da Garda Civil que custodian as instalacións xudiciais.

Por outra banda, o TSXG sinalou que a principios do mes de agosto cando unha secretaria dun xulgado de Instrución acudiu ao arquivo de pezas de convicción, onde se gardan as probas das causas xudiciais, viu “cousas alteradas”, como unha caixa aberta que contiña cartas correspondentes á causa por roubar correspondencia a veciños na que está imputado o tamén autor confeso da subtracción do Códice Calixtino.

NON FALTA “NADA VALIOSO”

As mesmas fontes explicaron que a caixa estaba “movida de sitio” e sen precinto pero, a primeira ollada, parece que “non falta nada”, pero “fora aberta”.

Ademais, durante o mes de agosto cando se foron incorporando as secretarias dos xulgados de Instrución comprobaron que no arquivo había cousas que foran alteradas”, pero, en principio, non se bota en falta “nada valioso”, segundo destaca o TSXG.

Por iso, está a realizarse un informe e comprobando “se puido desaparecer algo” das instalacións, co fin de determinar se están todas as probas e documentos gardados no lugar correspondente.

11 de setembro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.