A Xunta destaca o traballo dos procuradores coma colaboradores dos órganos xudiciais
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda gabou hoxe o labor dos procuradores coma representantes nos procesos xudiciais dos cidadáns, así coma colaboradores fundamentais cos órganos xudiciais no desenvolvemento do labor levada a cabo nos xulgados.
Alfonso Rueda inaugurou hoxe a celebración do centenario da constitución do Ilustre Colexio de Procuradores de Lugo, onde resaltou a defensa que fan dos lexítimos intereses da cidadanía desta provincia, actuando con profesionalidade, honradez, lealdade, dilixencia e firmeza na defensa dos intereses dos seus representados.
O vicepresidente recordou que non hai reforma da xustiza neste país que non teña apostado polo reforzo das funcións dos procuradores, dende a Lei de enxuizamento civil do ano 2000 que introduciu o emprego das novas tecnoloxías da xustiza pasando pola reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial do ano 2003 e chegando ata a Lei 37/2011 de medidas de axilización procesual que volveu a incidir na figura do procurador como elemento esencial para mellorar a rapidez e a eficacia dos procesos. E coa nova Lei Orgánica do Poder Xudicial que potencia o papel dos procuradores, ampliase as súas funcións e outórgalles condición de axente da autoridade.
Rueda destacou na súa intervención o compromiso da Xunta de Galicia coa Administración da Xustiza, cunha firme aposta pola modernización, dentro dun contexto de crise económica, onde se están a priorizar os recursos tecnolóxicos, co fin de implantar solucións tecnolóxicas acordes coas necesidades vixentes. E recordou que fai dous anos o goberno galego rematou a implantación da aplicación Lexnet en todos os órganos xudiciais de Galicia, grazas á cal máis de 10 millóns de notificacións xa foron enviadas a través dela. Na mesma liña, a Xunta está traballando para poñer en marcha o programa do Ministerio para permitir a presentación de escritos iniciadores de demandas por parte dos procuradores.
Á inauguración do Aniversario do Colexio de Procuradores de Lugo asistiron o Presidente do CGPE, Juan Carlos Estevez; o presidente da Audiencia de Lugo, José Antonio Varela; o fiscal xefe da Audiencia de Lugo, Juan José Begué; o presidente do Consello Galego de Procuradores, José Ángel Pardo, entre outros.











