A Xunta de Goberno da Laracha outorga 114.600 euros en subvencións a entidades e deportistas individuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada no día de hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais de maior éxito –a niveis provincial, autonómico, estatal e internacional- nas diferentes disciplinas.

En total serán corenta e cinco entidades e cinco deportistas individuais os que se beneficiarán desta liña de axudas, dotada polo Concello da Laracha con 114.600 euros, partida que foi blindada nos orzamentos do exercicio en curso. Cabe lembrar que por primeira vez neste ano as axudas municipais ás Comisións de Festas non se inclúen neste programa, senón que se abonaron por medio de subvencións nominativas.

O acordo tomado pola Xunta de Goberno Local foi a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar a totalidade das solicitudes presentadas e de establecer as axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria (actividade permanente da asociación, número de eventos organizados, cantidade de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, existencia de categorías inferiores e cifra de fichas federativas, entre outras pautas).

Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello da Laracha con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo no deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.

O Concello da Laracha realiza unha importante aposta económica anual con fondos propios municipais, mostrando o seu pleno interese polo asociacionismo e o desenvolvemento de actividades culturais, educativas e deportivas. A labor que as entidades levan a cabo co apoio municipal son fundamentais para resaltar os nosos aspectos culturais de máis relevancia, potenciar os hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva, cooperar na educación dos nenos e ofrecer alternativas de ocio dirixidas a fomentar as relacións sociais entre os veciños e evitar posibles riscos de exclusión social.

Rede Natura

O goberno local solicitará que o Concello da Laracha participe no programa de axudas para actuacións en zonas incluídas na Rede Natura 2000 que foi convocado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia (DOG nº 149 do 7 de agosto de 2014) e que é cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O proxecto presentado está valorado en 24.000 euros e inclúe a limpeza, desbroce, acondicionamento e sinalización de camiños e sendeiros en varios puntos da parroquia de Caión. O obxectivo é poñer en valor lugares de gran beleza paisaxística e riqueza medioambiental para potenciar a súa visita e disfrute por parte de veciños e turistas.

Licencias urbanísticas

Salientar, por último, que foron concedidas tres licencias de obras para a construción de vivendas unifamiliares en diferentes puntos do termo municipal.

3 de setembro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.