A Xunta de Goberno da Laracha acorda o inicio do expediente de resolución do contrato coa concesionaria da piscina
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse este mediodía en sesión ordinaria, xuntanza na que o acordo máis relevante foi aprobar o inicio do expediente de imposición de penalidades e resolución do contrato coa empresa Grupo Pazos Salud y Ocio S.A., concesionaria da xestión e mantemento do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.
Minutos antes de ser elevado á Xunta de Goberno, este asunto foi tratado polos tres grupos políticos con representación na Corporación municipal na Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno.
Unha vez superados estes trámites administrativos, notificarase o acordo tanto á empresa concesionaria como á entidade bancaria avalista, dándose un prazo de audiencia de dez días hábiles para que presenten as alegacións que estimen oportunas.
No caso de que non exista oposición ao expediente iniciado polo Concello da Laracha, a previsión é que o contrato poida resolverse no prazo dun mes. En caso contrario, remitiríase o asunto ao Consello Consultivo de Galicia, que tería outros trinta días para emitir o seu ditame.
Ademais, o Concello da Laracha tamén acordou solicitar un informe á Consellería de Sanidade para determinar se a instalación municipal cumpre coa normativa en materia de sanidade ante as deficiencias de mantemento detectadas, tamén responsabilidade da empresa concesionaria.
Representantes do goberno local e técnicos municipais mantiveron reunións durante a semana pasada cos líderes dos dous grupos políticos da oposición e cos principais prexudicados da situación que se está a producir no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. Así, comunicouse tanto aos traballadores da instalación como á asociación de usuarios, ao Club de Salvamento Acuático da Laracha (SAL) e aos grupos municipais dos socialistas e nacionalistas a decisión de resolver o contrato coa empresa concesionaria ao considerar como falta moi grave o retraso nos pagamentos das nóminas aos empregados que se estaban a producir desde o mes de xuño, sen prexuízo doutros posibles incumprimentos. Tamén se lles informou da intención do Concello da Laracha de iniciar tan pronto fose posible a licitación do novo contrato de xestión e mantemento da instalación, dado que a lexislación vixente non permite, neste caso, a xestión directa municipal.
Certificacións de obras
Na sesión da Xunta de Goberno Local aprobáronse certificacións de obras correspondentes aos proxectos de renovación do firme e mellora da seguridade viaria en varias rúas do casco urbano da capital municipal da Laracha. O importe conxunto supera os sesenta mil euros.











