A Xunta comprométese a restaurar a torre do campanario de San Martiño Pinario

Xesús Vázquez e Agustín Hernández na rolda de prensa
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reuníronse esta mañá no Pazo de Raxoi. Un dos anuncios saídos da xuntanza foi o compromiso da Xunta de iniciar antes de que remate o ano a obra de restauración da torre do campanario do mosteiro de San Martiño Pinario. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural investirá 126.665,57 euros na restauración da torre do mosteiro de San Martiño Pinario, que no inverno de 2012 a 2013 fora destruída polo impacto dun lóstrego, o que provocou o derrubo parcial da súa estrutura e danos na cubrición e pisos inferiores. A intervención respectará ao máximo a fábrica orixinal, recompoñendo volumes e recuperando no posible a maior parte do material derrubado.
Cómpre lembrar que o lóstrego propiciou a rotura e a caída do pináculo, da cruz metálica e dos papa ventos que constituían a coroación da cúpula da torre. Ademais, danáronse dous pináculos da balaustrada do balcón do campanario e, parcialmente, pezas da cornixa voada que remata a terraza do balcón.
Unha gran parte destes elementos rotos caeron sobre o tellado do claustro das oficinas, ocasionando diversas perforacións. Estes danos afectaron á cobertura de tella, ao soporte de fibrocemento e a pezas do armazón de madeira da cuberta.
Debido a que os elementos decorativos de pedra e os cascotes atravesaron o espazo baixo cuberta e o forxado do teito da planta alta do edificio claustral, tamén quedaron afectados o elemento estrutural, as táboas do teito e o mobiliario das salas que se atopaban debaixo, a onde chegaron estas pezas.











