publicidade hoxe

A Xunta achega máis de 185.000 euros á mellora do estado integral dos servizos na rúa Granada, en Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou onte, xoves 11 de setembro, o proxecto de decreto polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Miño para a renovación de servizos e pavimentación da rúa Granada en Miño.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega un importe de preto de 185.000 euros para a execución destas melloras na citada rúa do Concello de Miño. O Goberno galego financia o 100 % destas actuacións que promoverán un contorno urbano máis seguro e cómodo.

A rúa Granada, de titularidade municipal, presenta deficiencias nos seus servizos e no estado do pavimento que necesitan ser reparadas. No capítulo dos servizos urbanos, as obras que se van executar consistirán na substitución e mellora da rede de abastecemento e na transformación do sistema de saneamento unitario existente nunha rede separativa de pluviais e fecais.

Ademais, rehabilitarase o pavimento co fin de adaptalo á complexidade da xeometría da rúa, que presenta accesos a diferentes niveis, e permitir a coexistencia da circulación rodada e o tráfico peonil. Deste xeito, tamén se promoven actuacións para definir contornos urbanos seguros, co fin de que se reduza a probabilidade de que se produzan accidentes.

Características técnicas

A lonxitude aproximada da actuación é de 350 metros, e adoptaranse distintas solucións de pavimentación en función da dispoñibilidade de espazo e necesidades de cada treito: demolición e mais reposición do firme con mesturas bituminosas en quente (1.110 m2) ou colocación de lastrado (680 m2), de xeito que se solucionen no posible os problemas de evacuación de augas que se rexistran en determinados puntos da rúa.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante a realización deste tipo de proxectos, pretende colaborar de xeito técnico e financeiro cos concellos galegos co fin de dotalos daquelas infraestruturas de que carecen, mellorando así a calidade de vida dos seus cidadáns, neste caso dos preto de 5.800 habitantes do Concello de Miño.

Coa sinatura do convenio, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asumirá o compromiso de subvencionar as obras.

Pola súa banda, o Concello de Miño elaborará e aprobará o documento técnico necesario para a definición das obras, que será supervisado pola Axencia Galega de Infraestruturas, asumirá as obrigas económicas que excedan o importe que se compromete a financiar a Xunta e xustificará a subvención segundo as estipulacións que se establezan nas cláusulas do convenio.

12 de setembro de 2014 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.