publicidade hoxe

A Xunta achega 1,2 millóns de euros para a mellora do abastecemento de Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cerdedo para a execución do abastecemento a este municipio desde o río Seixo e a estación de tratamento de auga potable (ETAP).

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un importe de preto de 1,2 millóns de euros para a realización destas obras hidráulicas que mellorarán a calidade de vida dos habitantes deste municipio pontevedrés.

Na actualidade, o núcleo de Cerdedo abastécese por gravidade do canal de derivación dun aproveitamento hidroeléctrico existente no Lérez. A auga deste canal está suxeita aos réximes de turbinas da central e non garante a calidade necesaria, xa que tamén recibe augas arriba o efluente da EDAR de Forcarei. A auga proveniente do canal é tratada unicamente mediante desinfección nun depósito duns 400 m3 de capacidade que non dispón de acometida eléctrica. Neste senso, as obras proxectadas darán solución a estes problemas, levarase a cabo un novo abastecemento, mediante unha captación por gravidade no río Seixo, que destaca pola excelente calidade das súas augas.

O proxecto prevé unha captación mediante pozo filtrante de aros prefabricados perforados de 2 metros de diámetro interior, rodeado de material filtro, mediante o cal se interceptará o nivel freático na marxe esquerda do río. Do pozo partirá unha condución cunha lonxitude de 3.820 metros, que chegará ata a nova ETAP. Tamén se executará unha nova condución, duns 160 metros de lonxitude para a condución de baixada desde o depósito de cabeceira ata a conexión coa rede actual.

Ademais da ETAP proxéctanse dous depósitos circulares de 250 m3 de capacidade e prefabricados de formigón, con cotas de auga 422,5 – 427,8 m, entre os que se instalará unha cámara de chaves que albergará, ademais das válvulas de control dos depósitos, os equipamentos de tratamento proxectados para a auga bruta (de desinfección e filtración).

A Xunta de Galicia, mediante estas actuacións, pretende mellorar a calidade da auga que abastece os habitantes do Concello de Cerdedo e darlle servizo a unha poboación estimada de 1.267 habitantes.

18 de setembro de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.