A XI Edición do Concurso de Tapas Picado comeza con catro rutas gastronómicas
A presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, acompañada polo xerente do Consorcio de Turismo, José Paz, presentou esta mañá a XI Edición do Concurso de Tapas Picado, que se celebra desde mañá e até o próximo 28 de setembro e que este ano bate a súa marca de participación con 64 establecementos inscritos, un 23% máis que na edición de 2013 cando se presentaron 52 locais.
Como en ocasións anteriores, haberá tres premios, cada un de 1.500 euros: Premio á Mellor Tapa Tradicional, Premio á Mellor Tapa Creativa e Premio Cidade da Coruña, que concede o público. Quen participe na votación popular entrarán no sorteo de agasallos: haberá desde ceas para dúas persoas nos locais gañadores até lotes de produtos galegos e vales de compra no comercio coruñés.
A XI Edición do Concurso de Tapas Picado establece catro rutas gastronómicas que agrupan a todos os participantes como forma de facilitar os percorridos aos coruñeses e visitantes que desexen degustar as tapas. O Consorcio de Turismo editou máis de 20.000 folletos que estarán dispoñibles desde mañá nas oficinas do Consorcio de Turismo, hoteis, centros cívicos, Fórum Metropolitano e nos establecementos participantes. As rutas son as seguintes:
– Cidade Vella-Barreira-Praza da Constitución.
– Avenida de Rubine-Alameda-A Mariña-Méndez Núñez.
– Praza de Galicia-Emilia Pardo Bazán-Juan Flórez-Catro Camiños-Elviña.
– Os Rosales-Rolda de Outeiro.
Luisa Cid destacou o prestixio do Concurso de Tapas Picado, “un recoñecemento que se reflicte nos elevados índices de participación deste ano e tamén no número de pratos que competirán nas categorías do concurso: a tradicional e a creativa”, indicou. Nesta edición, os 64 establecementos participantes presentarán 86 tapas: 51 na tradicional e 35 na creativa.
Respecto das características do certame, a edil subliñou que todas as tapas deberán elaborarse de forma artesanal e utilizando algún produto galego, os prezos non deberán superar os 2 euros e os locais deberán ofertar aos seus clientes a tapa que presentaron ao concurso até o 31 de decembro.
Entre as novidades deste ano, o Concurso de Tapas Picado concede un gran protagonismo á Academia Galega de Gastronomía, onde cinco dos seus membros conformarán o xurado da primeira fase do concurso. Estes expertos independentes visitarán os establecementos puntuando as tapas do 1 ao 10 atendendo aos seguintes criterios: sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo, e seleccionarán aos 10 finalistas, cinco en cada modalidade.
A segunda fase do concurso contará cun segundo xurado, integrado por membros de diferentes colectivos, que elixirá as tapas gañadoras da modalidade tradicional e creativa, mentres que o público concederá o Premio Cidade da Coruña
Pequepincho
O concurso tamén ten o seu apartado dedicado aos nenos: os talleres Pequepincho, que se celebrarán os sábados 20 e 27 de setembro no mercado de San Agustín. “O seu obxectivo é fomentar o consumo responsable e os hábitos saudables nos nenos, ensinarlles como se elabora un prato desde como se compra o produto no mercado até como se prepara na cociña”, precisou Cid.
Haberá dous talleres por día en horario de 10.00 a 14.00 horas e poderán participar un total de 60 nenos de entre 5 e 9 anos, cun máximo de 15 prazas por taller. O prazo de inscrición pode realizarse a partir de mañá na web www.tapaspicadillo.coruna.es.
Por último, a presidenta do Consorcio de Turismo anunciou a posta en marcha dunha campaña nas Redes Sociais –en Facebook e Instagram-, coincidindo co inicio do concurso. A iniciativa denomínase #saboreacoruña e finalizará o 3 de novembro. Basta facerse seguidor de Turismo da Coruña en Instagram (http:instagram.com/corunaturismo) e subir fotografías das tapas co hashtag #saboreacoruña. Os participantes entrarán nun sorteo de agasallos, entre eles, tres ceas para dúas persoas nos establecementos que resulten galardoados.











