A xestión do servizo de comedor do novo colexio de Oroso será asumida polo Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

“O Concello de Oroso vai asumir a xestión do comedor do novo colexio”. Así o confirma o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen explica que “mentres a Xunta non cumpre coas súas obrigas, o Concello de Oroso non vai deixar colgadas ás familias de Oroso, polo que atenderemos a petición que nos fixo a Asociación de Pais e asumiremos a xestión do comedor escolar, que xa podo adiantar que terá uns prezos menores aos doutros municipios como Santiago ou Ames”.

Así o confirma o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, quen está a ultimar estes días as características deste servizo e do que “xa podemos adiantar que terá un prezo mensual de 55 euros e un prezo de 5 euros para días soltos, ademais dun desconto do 20% por segundo irmán na actividade ou por familia numerosa”. Leira Piñeiro considera que “a pesar do pouco tempo do que dispuxemos para poñer en marcha este servizo, penso que conseguimos un prezo competitivo”.

Asunción de competencias impropias

O concelleiro de Ensino orosán sinala que “aínda que a xestión dos comedores non é unha competencia municipal senón da Xunta de Galicia, o Concello de Oroso non vai deixar tirados aos pais e nais deste municipio”. Neste sentido, lembra que nos últimos anos o Concello de Oroso xa ofreceu un servizo de comedor para dar servizo a aquelas familias que non podían levar aos seus fillos ao comedor do saturado CEIP de Sigüeiro.

“Aínda que a xestión do comedor escolar non é unha competencia municipal, o Concello de Oroso decidiu asumila tras unha reunión coa ANPA do novo colexio, que nos pediu que nos fixeramos cargo do servizo xa que temos moita máis experiencia neste terreo e porque confían na xestión que levará a cabo este Concello”, explica Leira Piñeiro. Sen embargo, o concelleiro apunta que “seguimos insistindo en que o novo colexio ten que ter os mesmos servizos ca o CEIP de Sigüeiro, con comedor e con transporte, pois apostamos por un ensino de calidade e queremos que as familias de Oroso reciban o mesmo trato independentemente do colexio ao que leven aos seus pequenos. Nin máis, nin menos”.

Regulamento

Unha vez que o servizo de comedor estea en marcha co inicio do curso escolar, o Concello de Oroso elaborará un regulamento para o mesmo, no que se podan contemplar outros aspectos como, por exemplo, unha tarifa adaptada ás rendas de cada familia. De todos modos, Leira Piñeiro considera que “o Concello e a ANPA conseguimos uns prezos competitivos para tentar gravar o menos posible ás familias”.

4 de setembro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.