A Volta Ciclista a Galicia adianta o seu paso pola Laracha
A Federación Galega de Ciclismo, organizadora da Volta Ciclista a Galicia, acordou adiantar unha hora a saída desde a cidade da Coruña da segunda etapa desta rolda, que se vai disputar o sábado. Deste xeito os ciclistas iniciarán o percorrido ás 13.00 horas xunto á Torre de Hércules para dirixirse posteriormente a Arteixo e, a continuación, á comarca de Bergantiños percorrendo todo o tramo larachés da AC-552 en dirección Carballo.
Está previsto pola organización que o pelotón alcance o cartel do premio da montaña (3ª categoría) que se situará en Paiosaco en torno ás 13:25 horas e que apenas cinco minutos despois pase pola meta volante do centro do casco urbano da Laracha, continuando a etapa polas parroquias de Cabovilaño e Lemaio ata chegar a Bértoa, xa en Carballo.
O motivo do adianto na saída da etapa é evitar previsibles problemas de tráfico dado que a meta está situada na coruñesa rúa Alférez Provisional, e cos horarios inicialmente previstos o final de etapa coincidiría co remate do partido de fútbol que disputarán en Riazor o Deportivo de La Coruña e o Real Madrid e que comeza ás 16:00 horas.
A Volta Ciclista a Galicia é unha proba para as categorías elite e sub-23 que contará coa participación de dezanove conxuntos, dos cales sete serán galegos.











