publicidade hoxe

A viguesa que reclama máis protección laboral aos enfermos de cancro traslada ao pleno as súas reinvindicacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A viguesa enferma de cancro que emprendeu unha campaña para reclamar ao Goberno máis protección laboral para este colectivo, trasladou este luns as súas reivindicacións ao pleno da Corporación, e pediu aos grupos políticos o seu apoio.

Beatriz Figueroa denunciou a situación de enfermos que, como ela, foron diagnosticados de cancro estando en situación de desemprego. Agora, tras esgotarse a súa prestación, debe sobrevivir con 426 euros ao mes, cos que debe pagar a súa vivenda, comida, vestido e o 40 por cento dos seus medicamentos.

Por iso, Figueroa iniciou unha campaña en solitario que lle levou, primeiro, a realizar unha folga de fame fronte a unha das sedes do Instituto de Seguridade Social en Vigo. Así mesmo, iniciou unha campaña de recollida de firmas a través dunha plataforma por Internet e, a día de hoxe, acadou uns 480.000 apoios.

De feito, esta viguesa entregou xa o pasado mes de abril 378.000 firmas no Congreso dos Deputados para reclamar ao goberno medidas de protección  laboral para os traballadores enfermos de cancro. Este luns, Figueroa pediu aos partidos do Concello que insten aos seus grupos parlamentarios a apoiar unha iniciativa lexislativa promovida polo BNG e que se debaterá o próximo 7 de outubro, para garantir esa protección laboral.

Todos os partidos da corporación municipal mostraron o seu apoio a Beatriz Figueroa, empezando polo BNG, que pediu a todos os grupos que apoien a causa desta viguesa. Carmela Silva (PSOE), pola súa banda, eloxiou a “valentía” da loita desta muller, mentres que o PP mostrou o seu “respecto” por esta causa, aínda que precisou que a cuestión da protección laboral aos enfermos precisa dun “debate máis amplo” (algo que provocou un airado “séntome avergoñada” por parte de Silva).

29 de setembro de 2014 | 10:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.