Á venda as entradas para o espectáculo de “O Gato con Botas” no Teatro Colón
O Teatro Colón estreará en novembro O Gato con Botas, un espectáculo para público familiar que ten como base a partitura orixinal do compositor galego Rogelio Groba. A estrea será o venres 21 ás 19:00 horas, o sábado 22 ás 12:00 horas haberá unha segunda función.
Coa intención de darlle vida a esta composición únense o Teatro Colón, a Orquestra de Cámara Galega, Theatron Teatro, Qatrogatos vídeo creación e CEGA audiovisuais. O espectáculo conta sobre o escenario con dez intérpretes de Theatron Teatro, a Orquestra de Cámara Galega en directo e a escenografía por vídeo mapping creada por Qatrogatos.
Unha produción de gran formato para público infantil que une a herdanza da tradición oral, a música clásica e a vídeo creación. Manifestacións artísticas que van desde o máis clásico ás novas tendencias creativas. As entradas xa están á venda e poden adquirirse a través das canles habituais. A través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.