A tempada no Teatro Colón ábrese cunha produción do Centro Dramático Nacional
Enmarcada dentro do programa Platea do INAEM chega ao Teatro Colón a produción do Centro Dramático Nacional Atlas de Geografía Humana. A obra é unha adaptación da novela de Almudena Grandes do mesmo título e poderá verse o venres 12 e o sábado 13 ás 20.30 horas no Teatro Colón.
Luis García-Araus encárgase de adaptar o texto que dirixe Juanfra Rodríguez e interpretan as televisivas actrices Arantxa Aranguren, Ana Labordeta, Ana Otero e Rosa Savoini. A acción transcorre nunha editorial na que catro mulleres traballan na confección dun atlas de xeografía por fascículos. Mentres investigan decátanse de que todas se atopan nun punto de inflexión nas súas vidas e senten a necesidade de encararse consigo mesmas, despexar dúbidas, desexos e contradicións.
Almudena Grandes define o texto como ‘mi última mirada a los conflictos de identidad de mi generación, aquella explosión que parecía tan extraordinaria y se agotó en el humo de unos cuantos petardos’. A busca constitúe o xerme desta historia. Unha extraordinaria adaptación de Luis García-Araus sitúa a catro mulleres españolas de entón, de agora, entre a nostalxia e a xuventude, a necesidade de volver a crer e o impulso de reinventarse. Atlas de Geografía Humana abre unha tempada que traerá bo teatro, e na que haberá tamén espazo para a danza, a música, o humor ou o cabaré.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











