A Semana Europea da Mobilidade chega á Coruña coa filosofía de que ‘Todos somos rúa’
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, presentou esta mañá o programa de actividades deseñado con motivo da Semana Europea da Mobilidade que se celebra, cada ano, entre o 16 e o 22 de setembro, e que en 2014 ten como lema Unha rúa mellor é a túa elección.
“Un ano máis o Concello súmase a esta celebración xa que é unha oportunidade perfecta para presentar alternativas sustentables aos cidadáns, explicar os retos aos que se enfronta a cidade e influír na mobilidade e, por tanto, na calidade de vida dos cidadáns”, explicou Freire.
A concelleira explicou que, nesta ocasión e en consonancia coa campaña europea, a Semana da Mobilidade na Coruña centrarase na importancia que as rúas teñen na estrutura dunha cidade baixo o lema Todos somos rúa: “Nas rúas vivimos, traballamos, xogamos, paseamos, compramos ou aparcamos. Todo xira ao redor das rúas e son elas as que definen as cidades”, indicou Freire e engadiu: “Cada un de nós vese afectado do modo en que usamos o espazo e os tipos de transporte que eliximos. A implicación e concienciación de todos é o reto para conseguir usos máis racionais, sustentables, sans, seguros e mesmo divertidos que podamos facer en elas”.
Nesta liña, Begoña Freire explicou que durante a próxima semana desenvolveranse todo tipo de actividades como concursos en redes sociais, talleres ou charlas-coloquio. Ademais, situarase un punto de información permanente no Parrote, que será o epicentro de moitas das actividades. Moitas das accións terán premios á participación como cartóns con viaxes de bus, e Bici Coruña, bicis e camisetas personalizadas.
“Como xa é tradición na Semana Europea da Mobilidade, buscamos converter estes días nunha celebración dos bos hábitos en materia de mobilidade, mesturando o lúdico co informativo e formativo, tentando que ano tras ano, a concienciación cidadá sexa máis efectiva”, explicou a responsable de tráfico e mobilidade, que lembrou que o Concello leva a cabo moitas das actividades en colaboración con distintas asociacións e entidades como Stop Accidentes, o Club Ciclista Riazor, Mobi-liza ou a Compañía de Tranvías:
– Ensina a túa rúa (do 16 ao 22 de setembro). Concurso fotográfico en Facebook.
– Coñece as rúas (do 16 ao 20 de setembro). Concurso no que os cidadáns poderán demostrar o seu coñecemento das rúas da cidade. De 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas na carpa situada no Parrote.
– Do sillón ao sillín (martes 16 e xoves 18). Actividade dirixida a maiores de 18 anos que saben andar en bicicleta pero non se atreven a circular entre o tráfico por diferentes motivos. Celebrarase de 17.00 a 19.00 horas na chaira do Parrote e incluirá charlas – coloquio e exercicios prácticos.
– O hospital de bicicletas (mércores 17 e xoves 18). Curso de mecánica básica, para aprender a manter a bici en perfecto estado. Celebrarase na carpa do Parrote, de 18.00 a 20.00 horas.
– A dúas rodas! (mércores 17 e venres 19). Actividade dirixida a menores de 12 anos co obxectivo de promover o uso da bicicleta de maneira habitual entre os máis pequenos, ensinalos a desprazarse con seguridade, coñecer as normas de circulación e concienciar aos nenos dos beneficios dunha mobilidade responsable. A iniciativa desenvolverase na carpa do Parrote, de 17.00 a 19.00 horas.
– Asfaltelatos (venres 19). Esta actividade, que levará a cabo no CIFP Someso a partir das 10.00 horas, consiste na reconstrución dun accidente de tráfico coa participación dos colectivos implicados (bombeiros, policía, ambulancias) . Preténdese concienciar aos adolescentes para adquirir actitudes de seguridade viaria por medio de actividades impartidas por profesionais formados en seguridade viaria e por Stop Accidentes.
– Marcha urbana (sábado 20). Percorrido en bicicleta pola cidade para todas as idades. Antes da saída, ás 12.00 horas, impartiranse unhas nocións básicas sobre ergonomía, mecánica e seguridade viaria.
– Tamén levará a cabo, no marco da SEM, unha campaña de seguridade viaria para peóns, mediante a repartición de dípticos en distintos puntos da cidade, e a carpa do Parrote incluirá un punto de información sobre o Proxecto de Camiños Escolares Seguros -implantado na cidade en colaboración con Stop Accidentes- e outro para que a Compañía de Tranvías informe aos cidadáns sobre liñas, transbordos ou a utilización da súa aplicación móbil.
“Convidamos a que participe toda a cidadanía porque é moi importante que os coruñeses teñan un papel activo e protagonista nas políticas de mobilidade. Queremos que os cidadáns tomen conciencia da repercusión que teñen as súas decisións relacionadas coa mobilidade respecto da calidade do aire, o medio ambiente e a calidade de vida da cidade”, explicou Freire, quen lembrou o papel fundamental que no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) posto en marcha polo Concello ten a participación dos veciños, entidades, asociacións e colectivos.
Begoña Freire lembrou que, desde o seu comezo en 2002, o impacto da Semana Europea da Mobilidade mantívose en constante crecemento tanto en Europa como no resto do mundo. De feito en 2013, 1931 cidades de 47 países participaron na campaña. “Na Coruña, os cidadáns tamén reclaman participación e a organización deste tipo de eventos. De feito, o ano pasado, máis de 1.000 persoas participaron na Semana Europea da Mobilidade e o éxito dalgunhas actividades, como Pedalea Coruña, fixo que se programasen con carácter permanente. De feito, este sábado, ás 12.00 horas, sairá unha nova ruta ciclista da casa da auga a iniciativa do Concello en colaboración co Club Ciclista Riazor; e esta semana levou a cabo o primeiro curso de Escola Bici, en colaboración con Mobi-liza”, indicou
“Este ano -concluíu-, a lema da SEM convida a reconsiderar o modo en que pensamos sobre o espazo público e explorar a relación entre o uso do chan e a calidade de vida. Neste sentido, A Coruña bríndalle á SEM unha das súas xoias máis prezadas: o seu centro histórico ou, o que é o mesmo, a recuperación de máis de 100.000 metros cadrados de espazo para que as persoas ocupen o primeiro lugar, coa recuperación peonil da Cidade Vella”.











