publicidade hoxe

A Semana do Atlántico Cidade de Vigo comeza a quentar motores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

Todo está en marcha para a celebración dunha nova edición da Semana do Atlántico Cidade de Vigo, e a falta dun mes para que comece a cita reina do outono, as inscricións non paran de chegar ás oficinas do Real Club Náutico de Vigo. Baleares, Cataluña e País Vasco ademais de Gran Bretaña e un gran número de clubs portugueses xa confirmaron a súa participación na regata de vela lixeira máis importante da tempada en augas galegas.

As clases Vaurien, 420, Cadete, Snipe, Láser e por suposto o Meeting Internacional de Optimist reunirán un ano máis a grandes regatistas na prestixiosa cita viguesa -que este ano contará tamén coa colaboración de Viana do Castelo- e o certo é que todo apunta a que será novamente un éxito rotundo de convocatoria.

Ritmo frenético na Oficina de Regatas

Con aínda máis dun mes por diante para que comece a Semana da Atlántico Cidade de Vigo XXXIX Trofeo Martín Barreiro, a Oficina de Regatas do Real Club Náutico de Vigo xa traballa ao cento por cento cos preparativos dunha nova edición da cita viguesa.

No primeiro ciclo, que se celebrará os días 25 e 26 de outubro, as clases Vaurien, Cadete, Snipe, 420 -que será Campionato Galego- e Láser 4.7, Radial e Standard serán as primeiras en entrar a escena nunha proba na que estarán presentes os mellores regatistas españois e portugueses de cada unha das clases para ofrecer todo un espectáculo na ría de Vigo.

Finalmente, o prato forte da Semana do Atlántico Cidade de Vigo chegará os días 31 de outubro, 1 e 2 de novembro coa celebración do prestixioso Meeting Internacional de Optimist, no que grandes regatistas vindos de diferentes puntos de España e resto de Europa botaranse á auga para encher a ría de velas na cita reina do outono que este ano espera recibir de novo a máis de 200 Optimist.

Sen dúbida, todo apunta a que este ano se superarán de novo as expectativas de convocatoria e é que a Oficina de Regatas non para de recibir inscricións e solicitude de información para a cita que organiza o Real Club Náutico de Vigo; unha cita que, tal e como se demostra ano tras ano, converteuse nunha das máis importantes do calendario.

Viana do Castelo e Vigo, unidas na Semana do Atlántico

Tal e como se anunciou o pasado mes de febreiro, a Semana do Atlántico complementarase este ano co Clube de Vela Viana do Castelo, e é que a cidade lusa organizará nas súas modernas instalacións o fin de semana previo ao Meeting Internacional de Optimist vigués unha proba na que participarán gran parte dos regatistas da clase Optimist que estarán na Semana do Atlántico Cidade de Vigo.

Así, a cita portuguesa, denominada Semana do Atlántico Vila de Viana do Castelo, convértese no punto de encontro previo ao prestixioso Meeting Internacional de Vigo e será ademais puntuable xunto coa cita viguesa para o Trofeo Semana do Atlántico, que se entregará ao regatista que obteña a mellor puntuación ao sumar os resultados de ambos os Meetings.

25 de setembro de 2014 | 10:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.