A selección galega infantil acada cinco medallas no Campionato de España de Técnica
A selección galega infantil de técnica acadou un total de cinco medallas (dous ouros e tres bronces) no Campionato de España de técnica infantil, que se celebrou hoxe en Marina D´Or (Castellón) con 259 participantes. Ademais, na clasificación por seleccións territoriais, Galicia logrou a medalla de bronce. Mañá terá lugar o campionato adulto, así coma o da modalidade de freestyle. Os ouros foron para Gabriel Tembrás (MDK, infantil masculino) e Andrea Vilas (Tao, cadete feminino), quen xa lograra o título o pasado ano. Ademais houbo tres bronces galegos no Campionato de España de técnica infantil.
Na categoría infantil masculino, a selección galego logrou dous grazas á actuación de Manuel Paz (Hebe) e Luís Silva (Shu Sport), mentres que en cadete masculino acadou o bronce Anxo Costa (Tao). Na clasificación por equipos, bronce para Galicia. Ademais, hai que sinalar que tamén lograron meterse na final (só entran os oito mellores de cada categoría), os seguintes deportistas galegos: Eirim Vaamonde (cadete feminino, Yidam), Alejandro Fernández (Neka) e Samuel Meilán (Tao, benxamín masculino), Lucía Penín (Kiap, infantil feminino) e Ángel López (Mace Sport) e Yago Pita (Mace Sport, infantil masculino).
O Campionato de España Infantil é unha competición individual na que as e os deportistas teñen que realizar ata tres pumses. Trala realización do primeiro exercizo, a metade mellor clasificada pasa á segunda rolda onde realizarán o segundo pumse. Os oito primeiros clasificados chegan á final, onde realizarán o último exercizo e de onde sairán as medallas (ouro, prata e dous bronces). Mañá domingo celebrarase o Campionato de España de adultos e freestyle. En xogo, a clasificación para o Mundial de México. No torneo de técnica adultos participarán un total de 364 deportistas, mentres que en freestyle serán 84.
O frestyle, de recente creación, segue amosando un enorme crecemento nestes dous anos que leva no calendario mundial. Esta modalidade é unha combinación libre de técnicas de taekwondo con coreografía e música, polo que resulta moi atractiva tanto para o público coma para os propios practicantes.











