A Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘180 anos de Historia Provincial’
A Sala de Exposicións de Verín acollerá, do 05 ao 17 de setembro, a mostra itinerante ‘180 anos de Historia Provincial’, organizada pola Deputación Provincial de Ourense coa colaboración do Concello de Verín.
Esta mostra, que percorrerá varias comarcas da provincia, está concibida como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, desde a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de “provincia” convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.
A mesma ten como obxectivo poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio, das realizacións e dos proxectos, co propósito de sementar un futuro mellor.
O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas, expresamente realizados para a mostra, e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan o protagonismo necesario para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.
A Sala de Exposicións de Verín abre de luns a sábado en horarios comprendidos entre as 10 e ás 14 e das 17 ás 20.30 horas.











