publicidade hoxe

A Rubia Galega será a protagonista no XXVI Certame de Gando Vacún de Pedrafita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+
Presentación do certame

Presentación do certame

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, xunto ó Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar, José Fernández, ó Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo e unha das organizadoras do evento, Susana García, presentou este martes nos xardíns do Pazo de San Marcos o XXVI Certame-Exposición de gando vacún de Pedrafita do Cebreiro, que  organiza o Concello o vindeiro domingo, 21 de setembro. A institución provincial colabora un ano máis coa data, facendo unha achega de 3.000 euros e tamén aportando varias reses da Granxa Gayoso Castro para a poxa.

Durante a presentación, a Vicepresidenta salientou que “o do gando vacún é un dos sectores máis importantes na economía da provincia”. De feito, segundo os últimos datos do IGE, Lugo xera un volume económico que supera ós 222 millóns de euros ó ano, o que representa o 51,6 % do total de Galicia. Pola súa banda, o Deputado salientou que “con esta actuación a Deputación renova o seu compromiso co sector agrogandeiro, un dos motores económicos da provincia”. Fernández lembrou que Lugo situase á cabeza das provincias galegas en número de vacas de carne, 104.776 das 190.961 que hai na Comunidade, o que representa o 55% da cabana gandeira de Galicia, “de aí o esforzo da Deputación por apoiar este tipo de eventos que contribúen o fortalecemento do sector”. O Alcalde de Pedrafita afirmou tamén que “esta data fai que no noso Concello conflúan veciños e visitantes procedentes de toda a xeografía galega, Asturias e León, que consumen nos negocios locais, o que supón un importante impulso económico tanto para o Concello de Pedrafita como para as zonas limítrofes. O balance, ano tras ano, é moi positivo”. Deste xeito, o rexedor municipal quíxolle agradecer ó Presidente da Deputación a súa colaboración e apoio a esta cita pois “ata que Besteiro chegou á Deputación, a nós non nos axudaba ninguén”.

Bases do concurso

O Concello premiará con ata 150 euros ás mellores cabezas de gando, que serán entregados xunto cos correspondentes trofeos. Reses, tanto Rubia Galega como Asturiana, poderán tomar parte no certame, no que se valorará a conformación morfolóxica, o potencial de carne e capacidade reprodutora dos animais. Aparte do premio económico ós mellores touros, vacas, novillos e novillas, recibirán tamén unha choca e un colar. Tamén hai unha categoría para os xatos “carniceiros”, no que se terá en conta a calidade tanto da carne como a súa complexión.

Programación do certame

A xornada comeza ás 9:00 horas cando os participantes deberán recoller as credenciais no recinto feiral do Concello. Posteriormente, cara as 10:30 horas o xurado procederá a votar e valorar as mellores reses do certame. Logo, ás 11:30 horas está programado un pasarrúas amenizado por un grupo de gaiteiros da zona que rematará ás 12:00 horas, cando comezará a poxa de becerras e novillas preñadas inscritas no libro da raza Rubia Galega, na que a Deputación aporta varias cabezas de gando. Ás 12:30 horas actuará o grupo cultural Xistra de Pedrafita seguido da charanga Madialeva de Sarria. Ó remate, cara as 14:00 horas será a entrega de premios na praza do Concello, que precede a comida oficial, programada ás 15:00 horas. Os actos finalizarán ás 17:00 horas cando rematará a actuación da charanga Madialeva.

16 de setembro de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.