A Rosaleda incorpora un mamógrafo dixital capaz de avaliar o risco de cancro de mama

Novo mamógrafo dixital
O cancro de mama segue sendo o máis frecuente na muller, cunha incidencia anual segundo a Asociación Española contra o Cancro (AECC) superior aos 22.000 casos (o 28,5 % de todos os tumores femininos). Ademais, supón a primeira causa de mortalidade por cancro en mulleres. A pesar diso, nos últimos anos logrouse aumentar notablemente a supervivencia global, que a 5 anos é o noso país do 82,8 % (Eurocare-4), por encima da media europea e similar aos países coas mellores cifras de supervivencia.
E iso foi posible grazas á detección precoz, “que permitiu estabilizar o número de mortes e reducir as taxas de mortalidade, pese o aumento da incidencia do tumor”, explica o director-xerente do grupo hospitalario A Rosaleda, Rafael Silva. É por iso que a Dirección do grupo decidiu incorporar á súa recoñecida Unidade de Diagnóstico por Imaxe un novo mamógrafo de última xeración que “permite obter imaxes de gran calidade con doses máis baixas de radiación”.
Trátase do MicroDose de Philips, un innovador sistema de baixa dose que incorpora unha tecnoloxía exclusiva de reconto de fotóns que a converte na única mamografía “capaz de obter imaxes de moi alta calidade e resolución usando soamente unha fracción da dose de radiación (microdosis)” e, simultaneamente, analiza a composición da mama”, explica Ana Muñoz, de Philips. O mamógrafo inclúe a tecnoloxía de Imaxe Espectral (SI – Spectral Image) e foi acreditado o pasado mes de febreiro pola FDA de Estados Unidos.
A densidade da mama é un coñecido factor de risco no cancro de mama. “As mulleres con alta densidade mamaria teñen unha probabilidade de desenvolver cancro de mama entre catro e cinco veces maior que as mulleres con baixa densidade”, explica Jesús López, supervisor de Radioloxía da Rosaleda. “A maior densidade da mama supón a existencia dunha alta porcentaxe de tecido fibroglandular, que bloquea os raios X e fai máis difícil para os médicos interpretar as imaxes”.
Determinar a densidade mamaria ten tal relevancia que en seis estados de EE. UU. xa é obrigatoria como parte dos programas de cribado. Con todo no noso país non existía até agora un método obxectivo e suficientemente exacto para determinar a densidade da mama nunha mamografía rutinaria. “O método máis habitual é a inspección visual por parte do especialista e adoita ocorrer que varios especialistas indiquen densidades distintas”, explica Jesús López.
Maior resolución con menos radiación
A estas vantaxes únese outra non menos importante: a súa baixa dose de radiación. O tecido mamario é sensible á radiación, de modo que é importante que a dose sexa o máis baixa posible. O coordinador de Radioloxía da Rosaleda indica que “as doses de radiación acumúlanse ao longo da vida e esa acumulación é un dos factores relacionados co risco de desenvolver cancro”.
Neste sentido, o MicroDose supón unha gran revolución xa que “utiliza aproximadamente a metade de dose de radiación que outros sistemas de mamografía dixital ofrecendo unha calidade de imaxe superior”, explica Jesús López. E a todo iso engádese un deseño ergonómico pensado para mellorar a comodidade do paciente e reducir a tensión que supón a realización deste tipo de probas.
Unidade de Diagnóstico por imaxe pioneira
A Rosaleda é o único centro de toda Galicia que conta con este innovador mamógrafo de última xeración, o que contribúe a manter o liderado da súa Unidade de Diagnóstico por imaxe, unha das máis completas e avanzadas da comunidade.
Xa no seu momento o hospital A Rosaleda foi o primeiro centro privado de toda Europa en incorporar o TAC multidetector helicoidal de 64 cortes, ao que se incorporaron nos últimos anos os máis destacados sistemas de diagnóstico co fin de ofrecer calquera proba que o paciente poida necesitar coa máxima rapidez e garantía. Unha aposta que converteu a Unidade de Diagnóstico por imaxe do hoxe grupo hospitalario nun referente capaz de competir cos mellores centros do país.











