publicidade hoxe

A Romaría das Virtudes reúne na parroquia de Vitre a máis de 5.000 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Procesión das Virtudes

Procesión das Virtudes

Unhas 5.000 persoas participaron na tradicional Romaría das Virtudes, que tivo lugar hoxe sábado na parroquia de Vitre (Frades). Son cálculos da Comisión Nosa Señora das Virtudes, que confirma se ocuparon as máis de duascentas parcelas delimitadas para o xantar de familias, peñas e grupos de amigos chegados de toda a comarca de Ordes e doutras localidades máis afastadas como Narón ou A Coruña.

Un éxito de participación que certifica o forte arraigo desta celebración, que mesmo supera as cifras de visitantes do ano pasado, no que xa se conseguira unha marca récord. E é que, ademais das 200 parcelas habilitadas, houbo numerosos grupos de amigos que acudiron aos tradicionais xantares de campo sen reserva e montaron as súas tendas e casetas nas explanadas contiguas ao campo da festa. A media de ocupantes por tenda era de vinte persoas, pero tamén había moitas con preto de medio cento de comensais.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, destacou “o arraigo desta festa na nosa contorna, pois cada ano son máis e máis persoas as que veñen a desfrutar da Festa das Virtudes” e tivo palabras de agradecemento para “os membros da comisión de festas e, en especial, para a ducia de efectivos de Protección Civil que se desprazaron de lugares tan distantes como Muxía para que a romaría se desenvolvese con total tranquilidade”.

Celebracións relixiosas

As celebracións relixiosas comezaron na capela da Nosa Señora das Virtudes ás 11:00 horas e continuaron ás 12:00 e ás 13:00 horas. A iso das 13:45 horas tivo a tradicional procesión da imaxe da Virxe polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro das Virtudes a lombos dos fieis, que se ían turnando para portar a imaxe da Virxe. Tras os ritos relixiosos, foi a festa a que tomou o protagonismo. A charanga Ruada e a orquestra ‘Panamá’ puxeron a parte musical, cunha sesión vermú moi concorrida. Ademais, agárdese como todos os anos un cheo total na verbena nocturna, xa que a última hora da tarde adoitan sumarse varios centos máis de persoas para gozar da festa.

O tempo respectou a festa, xa que non choveu en Virte nin durante a noite nin durante as celebracións da mañá. O único orballo coincidiu co remate da sesión vermú, polo que mesmo colleu á gran maioría dos romeiros a cuberto nas súas tendas e dando boa conta dos seus xantares, fundamentalmente a base de churrasco, polbo, tortilla e empanada.

Durante todo o día, os membros da Comisión de Festas estiveron vendendo panos, camisetas, pulseiras, chaveiros, rosarios, portacandeas, cadros, velas, mecheiros…. relacionados coas Virtudes. Parte desta recadación será doada á Asociación Española contra o Cancro.

6 de setembro de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.