A reserva de biosfera As Mariñas e Terras do Mandeo dá a coñecer a flora e fauna ameazada na área
A reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, xunto coa Fundación Fragas do Mandeo, levan a cabo desde este sábado, 20 de setembro, a Semana de Custodia do Territorio, que este ano alcanza a súa terceira edición. O seu obxectivo é o de lograr unha cultura da conservación da contorna, axuntando esforzos de propietarios de terreos e usuarios, para protexer o medio.
Nesta terceira edición, a Semana de Custodia do Territorio irá enfocada á flora e fauna en perigo da comarca, coa intención de xerar unha conciencia para desenvolver actuacións que impidan esta ameaza.
Os actos conxugarán conferencias de interese con xornadas de voluntariado para a limpeza de varios espazos da reserva de biosfera. O programa é o seguinte:
Xornada “Custodia do territorio e conservación”: sábado 20
Terá lugar no Liceo de Betanzos desde as 9.30 horas. A xornada servirá para presentar e analizar os retos existentes na preservación da biodiversidade das Mariñas.
As distintas conferencias, con expertos de renome, exporán os mencionados problemas da flora e fauna. Javier Amigo, da Universidade de Santiago, falará dos hábitats ameazados, como as beiras do mar. Pedró Galán, da Universidade da Coruña, abordará os anfibios e réptiles. Paz Ondina, da USC, do mexillón de río. E Sergio París, da Sociedade Galega de Ortinotoloxía, de diferentes aves con risco. Pola súa banda, Fernando Bandín, presidente do padroado de Fragas do Mandeo, presentará o plan de custodia do territorio.
Limpeza de especies invasoras e lixo na praia da Alameda: domingo 21
Durante toda a mañá realizarase esta acción de voluntariado ambiental en Ponte do Porco (Miño), praia apadriñada en 2009. Eliminaranse plumachos e outras especies invasoras das dunas e recollerase lixo que deixa a marea.
Conferencia: “A ameaza das especias exóticas invasoras nas Mariñas”: mércores 24
Será no Liceo de Betanzos, a cargo de Jaime Fagúndez, profesor de Botánica na UDC. Abordará o problema das especies invasoras, segunda causa de perda da biodiversidade na o planeta.
Eco-regata na ría de Betanzos: sábado 27
Competición lúdica de embarcacións recollendo lixo das ribeiras. A competición é por ver quen recolle máis lixo e que residuo é o máis singular, desde as 15.00 horas. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos.
Limpeza simultánea dos ríos galegos: domingo 28
Máis de 50 entidades galegas xúntanse na comunidade nesta xornada. Na comarca, comprenderá entre a ponte das Moas e Roibeira, nunha ruta de 10 quilómetros.











