A RdI de Arteixo organiza unha xornada sobre innovación no sector industrial-construción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Tras o descanso estival, a Rede de Innovación de Arteixo -a iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da EOI e financiada con fondos europeos e estatais- retoma a súa actividade. Este xoves 18 de setembro, de 16.00 a 20.00 horas, o Centro Arteixo Innovación (zona escolar) acollerá un encontro con empresas que reinventaron os seus negocios, apostando por novos modelos de xeración de valor. Durante a xornada exporanse casos de éxito en innovacións en produtos e servizos que sirvan de referente para outros empresarios ou emprendedores.

A inscrición é libre e gratuíta, podendo realizarse a través do formulario online da web, por correo electrónico (RedInnovacion_Arteixo@eoi.es) ou no teléfono 981 641 095.

Axudas do IGAPE

Os grandes temas a tratar serán cuestións moi en boga nos últimos tempos como a orientación do sector da construción cara á oferta-demanda de casas prefabricadas, da man da empresa Home 3 – Vivendas Modulares. A spin-off da Universidade da Coruña, Bilega Enerxía centrarase no uso dos sistemas de telecontrol, e do TIC en xeral, para mellorar a eficiencia de instalacións e edificios, así como aumentar o aforro de enerxía. Na súa quenda, a firma Sutega explicará as oportunidades da canle contract para as empresas do sector da construción e a industria auxiliar e por último, Belén Fernández Rebolleda, responsable do IGAPE para a zona norte, presentará as liñas de axudas e programas de apoio á innovación do Instituto Galego de Promoción Económica.

A Rede de Innovación de Arteixo é un proxecto de dinamización empresarial impulsado polo Concello, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o ministerio. As dúas accións organizadas para cumprir este obxectivo son, por unha banda, un amplo programa de talleres sectoriais abertos a toda a poboación que veñen convocando con periodicidade semanal desde febreiro pasado. Pola outra, a realización de 80 asesorías individuais –que xa están en marcha, durante as que o mesmo número de pemes, emprendedores e asociacións de empresarios de todo o municipio de Arteixo xa están a desenvolver un plan de reconversión para aumentar a competitividade dos seus negocios.

16 de setembro de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.