publicidade hoxe

A RdI analiza en Arteixo as novas tendencias en impresión 3D

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A Rede de Innovación de Arteixo -a iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da EOI e financiada con fondos europeos e estatais- organiza mañá xoves 25 de setembro, de 16.00 a 20.30 horas, unha xornada de innovación sobre ferramentas e solucións tecnolóxicas. Durante o evento reuniranse expertos do sector para abordar varias temáticas como o futuro e a potencialidade da impresión en 3D; as metodoloxías e sistemas que axudan a xestionar a innovación de forma eficaz; e as ferramentas para executar unha estratexia personalizada de mercadotecnia dixital adecuada a cada empresa. A xornada comezará ás 16.10 horas co relatorio de Fernando Picón, socio director de OBZ Consulting, que falará sobre “A sistematización das actividades de innovación na empresa e a innovación áxil”.

A continuación (17.10h), Sofía Fraga, responsable de mercadotecnia dixital e community manager en OfiPro explicará como os novos medios cambiaron a forma en que as empresas deben relacionarse co cliente durante a intervención que leva por título “Novas ferramentas da mercadotecnia para a innovación. Bloggers, publicity e creadores de opinión”. Por último, tras o descanso, Álvaro Rey Rodríguez, socio fundador de GaliPrint3D –empresa nada en xaneiro deste ano-, impartirá (18.30h) o relatorio “Materializando a innovación. Prototipado rápido e impresións 3D” antes de comezar o encontro (19.30h) entre emprendedores e empresarios para coñecer as novas tendencias neste tipo de impresión e as súas aplicacións prácticas. GaliPrint3D desprazará até o Centro Arteixo Innovación (zona escolar) varias impresoras 3D de deseño e fabricación propia para que os asistentes poidan comprobar o seu funcionamento en directo.

24 de setembro de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.