A película galega “Schimbare” será a encargada de clausurar o OUFF 2014
A cinta galega “Schimbare” estrearase en Galicia no marco da XIX edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se desenvolverá entre o 15 e o 23 de novembro na capital ourensá. A ópera prima do realizador lalinense Alex Sampayo, que estivo seleccionada na sección oficial de novos directores do Festival de Cine de Montreal – único con categoría A en Norteamérica – clausurará o certame ourensán o día 23 de novembro.
“Schimbare” está coproducida pola produtora coruñesa Ficción Producciones e a Televisión de Galicia. Tamén participan a Xunta de Galicia, a través do Agadic, e o Ministerio de Cultura. Todo o equipo técnico está integrado por persoal galego.
A película é un thriller de denuncia social, que aborda o tema do comercio ilegal de órganos. Candela Peña e Luis Zahera dan vida a un matrimonio acomodado vítima dunha traxedia familiar e que se vén obrigados a recorrer a unha organización criminal da Europa do Este, que lles ofrece a venda dunha nena polaca. A palabra “Schimbare” ten unha orixe romanesa e significa “cambio”.
A cinta rodouse na zona lucense do Corgo e en Hungría. E conta, xunto os seus dous protagonistas, cun amplo elenco de actores internacionais no que destaca a presenza da nena Sandra Mokrzycka.
Este proxecto internacional comezou a súa xestación hai cinco anos da man de Julio Casal e Mamen Quintas, responsables de Ficción Producciones, e a TVG. Todo o proceso, que incluíu a presenza de Alex Sampayo como director e coguionista xunto a Borja F. Caamaño, pechábase coa rodaxe da película a finais do pasado ano.
Alex Sampayo comezou a súa carreira no mundo do audiovisual hai 14 anos. Realizador e guionista, “Schimbare” supón o seu debut na dirección dunha longametraxe. Un traballo que complementa unha traxectoria que desenvolveu noutras áreas como a publicidade, a curtametraxe e a televisión con títulos como as curtas “Alzheimer”, “Las Rubias los Prefieren Caballeros” e “La Buena Caligrafía”. Outros traballos en TV que contan coa dirección de Álex Sampayo son; as series “Terra de Miranda” e “Padre Casares”, a serie emitida por Antena 3 “El Internado” e a tv-movie “El Espejo”.











