A partir de outubro os mercados locais de San Sadurniño trasladaranse aos xardíns municipais
O domingo 26 de outubro San Sadurniño acollerá a edición de outono do Mercado Local Xusto, que esta vez presenta como principal novidade o cambio de lugar. E é que a partir de agora este tipo de feiras van celebrarse nos xardíns municipais, despois de que o Concello remate a reparación dos camiños interiores do recinto.
As obras teñen un custo de 34.500 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental que, á súa vez, se nutre do canon que pagan as eléctricas por ter parques eólicos no territorio galego. O Concello busca desta maneira preparar o parque para que sexa máis cómodo pasear por el tanto nunha xornada de mercado como noutro día calquera. Ademais, o proxecto tamén inclúe a instalación máquinas de exercicios e impermeabilización dos estanques para que non haxa máis filtracións.
Os traballos deberán estar rematados a finais deste mes e parece que non vai haber problema por cumprir co prazo. A estas alturas de setembro o groso do traballo -a fundición dos sendeiros- está practicamente listo e só falta que a choiva lles dea unha tregua aos operarios para que poidan botar o cemento nas zonas con máis pendente.
O relevante da nova non é a obra en si, senón a maneira en que repercutirá a intervención de cara a converter os xardíns nun espazo de referencia para as actividades ao aire libre. O obxectivo municipal é darlle un maior protagonismo a esta área como lugar de lecer e escenario de eventos de todo tipo. De feito no parque municipal xa se teñen oficiado vodas, ten habido algún mitin e houbo varias actividades para nenos e nenas. Ademais, o Concello aínda mantén viva a idea de que parte das zonas verdes se destinen a exposición permanente dos viveiros de flor e planta ornamental que hai no municipio.
As feiras, para o xardín
O Mercado Local Xusto será quen primeiro se beneficie das melloras que se están facendo, xa que a partir do 26 de outubro o encontro pasará celebrarse no parque de forma definitiva. Os postos distribuiranse polos sendeiros de cemento tintado e tamén pola antiga pista de tenis da marquesa. O mercado busca propiciar a venda de produtos agrícolas e ecolóxicos, pero tamén de artesanía e artigos de segunda man. Asentarase nas beiras dos sendeiros e na antiga pista de tenis do xardín, ao que pode accederse desde a estrada de Ortigueira ou ben desde a de Ferreira.
As persoas interesadas en contar cun posto no Mercado deben facer a súa inscrición entre o 6 e o 23 de outubro. Ata daquela aínda queda tempo e cando vaia chegando a data informarase cumpridamente a través da web, da prensa e das redes sociais.











