A ocupación hoteleira en Santiago superou o 80% en agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A ocupación hoteleira en Santiago durante o mes de agosto alcanzou o 80,67 por cento, o que supón un incremento de máis de 12 puntos con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Con estes datos, os hoteis da capital galega situáronse case a niveis do último Ano Santo, en 2010, cando se reservaron o 82,8 por cento das prazas.

Así o destacou este venres o voceiro da Asociación de Hostalaría de Compostela, Aser Álvarez, quen subliñou que se trata de “datos moi positivos” que fixeron do pasado agosto un mes “moi bo”.

De feito, tamén as pensións santiaguesas rexistraron no oitavo mes deste ano un importante incremento, de cinco puntos por enriba de agosto de 2013. Cunha ocupación media do 74,76 por cento, quedaron a un punto e medio de alcanzar o mellor dato do último lustro, en agosto de 2010 (76,37%).

Como explicou Aser Álvarez, estes números coinciden cun decrecemento do prezo medio das prazas hostaleiras en Compostela, o custo da cal está “por debaixo” doutras cidades Patrimonio da Humanidade.

“SOBREDIMENSIONAMENTO E OFERTA ILEGAL”

Atribuíu esta depreciación ao “sobredimensionamento” da oferta, ao “fenómeno da oferta ilegal a pé de rúa” e á “proliferación de portais de Internet” nos que se ofrecen vivendas como hospedaxe vacacional.

Ademais, como dixo, os hoteis da capital galega nútrense de “moito turismo individual”, que espera “ofertas de última hora” para facer as súas reservas, e isto “tira dos prezos para abaixo”.

59%, TURISMO NACIONAL

Entrando no detalle das reservas, Álvarez concretou que algo máis do 59 por cento dos turistas aloxados en Compostela durante o mes de agosto procedía do ámbito nacional, mentres que o 40,99 por cento restante viñan do estranxeiro.

“Estes datos confirman a recuperación do turismo nacional, que levaba meses en caída libre, aínda que sexa a custa da caída do prezo medio”, analizou, antes de resaltar que “o grande canalizador” de viaxeiros a Santiago foron as distintas rutas jacobeas.

XULLO, “UN MES FROUXO”

Fronte a estes “bos” datos de agosto, o voceiro dos hostaleiros compostelanos indicou que xullo, especialmente a primeira quincena, adoita ser “un mes frouxo”.

Iso, malia que “hai moito visitante”, que goza dun día na cidade pero “pasa a noite en ouro lugar”. Ante esta situación, Álvarez apostou por realizar eventos en Santiago e por “facer fincapé no turismo internacional”, que adoita ter unha estanza e un nivel de gasto superior.

A VOLTA EN SANTIAGO

Xa centrada no mes de setembro, e coa finalización da Volta Ciclista a España en Santiago esta fin de semana, deu por feito que terá “un efecto moi positivo” tanto na ocupación hoteleira coma na “repercusión” da cidade.

En canto ás reservas, Aser Álvarez estimou un incremento de “entre o 30 e o 40 por cento” en hoteis a partir de tres estrelas. Dito isto, aseverou que o sector ten “unha sensación moi boa” para o resto de setembro e tamén para outubro, porque a capital galega acollerá varios congresos e porque está prevista a chegada de varios grupos de visitantes.

“SE TIVÉSEMOS UN BO AEROPORTO”

Neste punto, non obstante, expresou a súa “preocupación” por que as principais entradas sexan Madrid e Oporto. “Se tivésemos un aeroporto central, con boas conexións e bos prezos, teriamos muchísimas posibilidades de incrementar o turismo internacional e de alongar a tempada turística”, subliñou.

Así mesmo, Aser Álvarez fixo fincapé en que “fai falta” un “bo” aeroporto “ben conectado” para que Galicia “dunha vez chegue á primeira división dos destinos turísticos” en España”, xa que actualmente está “moi por debaixo das súas posibilidades no que a turismo se refire”.

12 de setembro de 2014 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.