A nova edición do Máster Terra cursarse integramente a través de videoconferencias
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) acolleu esta mañá a presentación da edición 2014-2015 do Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC, que este ano incorpora a posibilidade de realizalo na modalidade telepresencial. Hai 7 prazas vacantes e o prazo de matrícula remata o 19 deste mes.
A vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Tomás S. Cuesta, e o coordinador do Máster Terra, David Miranda, deron a coñecer hoxe todos os detalles deste título de perfil académico e investigador que convoca a Universidade de Santiago de Compostela a través do Laboratorio do Territorio, un equipo con 20 anos de experiencia.
O Máster Terra naceu co reto de formar bos xestores do territorio e, dada a boa acollida por parte do alumnado, xa vai pola quinta edición. Impartirase de setembro de 2014 a xullo de 2015, de luns a xoves e en horario de tarde, na Escola Politécnica Superior e no Ibader, ambos os dous centros do Campus de Lugo. Non obstante, como novidade, agora poderá cursarse na modalidade telepresencial.
“É un máster que innova na docencia. Este ano tratamos de mellorar a accesibilidade e puxemos en marcha a modalidade telepresencial para que os alumnos poidan asistir a clases dende Internet dende calquera parte do mundo”, anunciou David Miranda. Esta opción permite facer o seguimento do máster por videoconferencias, simultaneamente ao desenvolvemento das clases nas aulas, o que facilita que as persoas interesadas en matricularse poidan compaxinalo co traballo ou cursalo dende o exterior.
O coordinador tamén destacou que se trata dun máster “aberto ao mundo”, cunha “concepción bastante internacional” ao contar coa participación de estudantes, profesores, institucións, empresas e organismos de distintos países.
Outro dos piares do Máster Terra é o seu carácter multidisciplinario. Abrangue unha temática moi ampla e heteroxénea, posto que se basea no deseño de modelos de xestión dos usos do solo adecuados ás características de cada espazo, unha necesidade proveniente de sectores coma o agrogandeiro e acrecentada polo enfoque da nova PAC, a ameaza dos incendios forestais e os conflitos urbanísticos, por exemplo. De aí a formación variada dos alumnos, entre os que se atopan enxeñeiros (agrónomos, de Montes, en Obras Públicas, forestais…), arquitectos, topógrafos, biólogos, informáticos, paisaxistas, avogados, economistas etc.
O presidente da Fundación Juana de Vega, colaboradora do Máster Terra e dedicada á mellora do medio rural galego, felicitou aos organizadores “porque que exista unha dinámica de preocupación pola xestión do territorio paréceme un privilexio”. Afirmou que “temos capacidade de producir moitas cousas pero temos un sistema de cidades non moi ben artellado, un urbanismo voraz, mala planificación…”. Neste sentido, valorou o labor do máster ao estar tratando “co activo físico máis importante que ten un país”.
Igualmente, Lara Méndez manifestou o apoio da Deputación Provincial de Lugo á nova edición como unha “aposta clara e decidida pola educación como motor económico do país” e “polo I+D+i, que é imprescindible para o futuro”.
O director da Escola Politécnica Superior de Lugo pechou a presentación oficial advertindo da funcionalidade deste máster: “Nestes momentos tan complicados, as únicas solucións que podemos artellar van vir de nós. Para formular solucións viables fai falta coñecemento e traballo, para poder cumprir o compromiso coa nosa sociedade. Este máster non é asistir a clase e a videoconferencias. É traballar para facer despois algo significativo”.
A matrícula
Para inscribirse hai que rexistrarse e solicitar a admisión na páxina da secretaría virtual da USC, cuxo enlace está dispoñible na web oficial masterterra.usc.es.











