publicidade hoxe

A Música Medieval de laReverdie abre o ciclo espazos sonoros en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaCalendario
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria bota a andar Espazos Sonoros 2014 da man do grupo italiano laReverdie, un dos referentes na interpretación dos repertorios medievais vocais e instrumentais. A igrexa de Santa María de Baiona, na provincia de Pontevedra, será o escenario, o próximo domingo 14 de setembro, do concerto inaugural da nova edición deste ciclo de música e patrimonio no que participan este ano recoñecidos artistas e grupos galegos e internacionais, como Doa, Xoán Curiel, o cuarteto Skirion, Mercedes Hernández e Fernando Reyes, o coro Ultreia e o tenor Marco Beasley.

O público que asista ao concerto de apertura, que conta co apoio do Concello de Baiona, terá ocasión de gozar co recital ‘Vergine Bella’, que propón un achegamento musical á figura da muller medieval, entre a devoción e o misticismo, a través de obras da autoría de compositores como Dufay e Hildegard von Bingen, que serán interpretadas polas irmáns Claudia e Livia Caffagni, xunto con Elisabetta de Mircovich.

Esta viaxe artística polo medievo realizarase na igrexa de Santa María de Baiona, nun templo que tamén foi construído nesa época, nos séculos XII e XIII, e estará arroupado por unha instalación lumínica de Arturo Álvarez. Con esta singular achega, o recoñecido deseñador busca compartir con Espazos Sonoros a aposta pola elaboración de propostas artísticas desde as emocións, a sustentabilidade, a inclusión cultural e a produción feita con dedicación e coidado.

Nas catro provincias

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través do departamento de Cultura, Espazos Sonoros 2014 ofrecerá, tras o seu concerto inaugural, unha completa programación artística, que dirixe Belén Bermejo, polas catro provincias galegas, que chegará aos concellos de Santiago de Compostela, de Padrón, de Betanzos, de Silleda, de Allariz, de Pantón, de Esgos, de Monforte de Lemos, de Ribadavia e de Vila de Cruces, e que se pode consultar na páxina web cultura.gal.

O patrimonio organístico

O patrimonio organístico será o protagonista das vindeiras xornadas, cun obradoiro infantil de organería, o 20 de setembro na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, e cunha rolda pola paisaxe organística da cidade compostelá, que se estenderá ata Padrón. O prazo de inscrición para estas dúas actividades está aberto ata o 17 de setembro en actividades@espazossonoros.org. Como peche da xornada do día 21, o músico italo-brasileiro Marco Aurélio Brescia ofrecerá un concerto no órgano barroco de Iria Flavia, ás 19 horas, de balde e entrada libre ata completar as localidades.

Coñecer San Pedro de Rocas

A partir de mañá, día 13, e ata o vindeiro 24 de setembro tamén estará aberto o prazo de inscrición para participar na xornada arredor do vizoso patrimonio artístico e natural do contorno do santuario de Abades, no concello pontevedrés de Silleda, así como na ruta polo Camiño Real de San Pedro de Rocas, na localidade ourensá de Esgos.

Co fin de promover a posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como artístico, e fomentar o interese musical e creativo do conxunto da poboación de Galicia, Espazos Sonoros ofrécelle á cidadanía unha programación de calidade en contornos destacados do patrimonio cultural, que se prolongará ata o vindeiro 26 de outubro.

12 de setembro de 2014 | 11:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.