A Misión Biolóxica e Areeiro xuntan investigacións nunha nova unidade de sistemas agroforestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 A Deputación de Pontevedra e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinaron un convenio específico que formaliza a Unidade de Sistemas Forestais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), unha unidade de I+D+i asociada ó CSIC a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).

Esta vinculación, de natureza científico-técnica, permitiralles solicitar conxuntamente proxectos de investigación; usar os servizos, infraestruturas e equipamento dos centros por parte do persoal das dúas entidades; publicar de forma conxunta os resultados das súas investigacións; colaborar en congresos e reunións científicas e participar en actividades de cultura científica.

O convenio estará vixente ata o ano 2017, data na que se poderá renovar, de mutuo acordo, por un período de tres anos. Os investigadores responsables serán Pedro Mansilla, da EFA, e Antonio de Ron, da MBG.

Con esta colaboración preténdese crear un novo coñecemento sobre o sistema planta-ambiente e aplicalo na obtención de variedades de cultivos coma millo, xudía, vide ou tomate. A súa finalidade será mellorar a calidade da vida no medio rural, a alimentación, a saúde e o medio ambiente. Ademais, nesta nova etapa incorporarase a investigación no ámbito forestal.

Un significado especial

Nun momento coma o actual, caracterizado pola redución dos recursos que se destinan a I+D+i, ten un significado especial que, nunha cidade coma Pontevedra, se produza esta sinerxía entre dous destacados centros de investigación en Ciencias Agroforestais, “o que supón un importante valor engadido para as institucións implicadas”, indicou Antonio de Ron.

En 1993 o CSIC regulou a figura de “unidade asociada en I+D” como unha fórmula de colaboración entre entidades públicas e privadas. Co tempo esta figura foi gañando peso e, na actualidade, ós centros e institutos do CSIC hai que sumarlles as preto de 160 unidades asociadas constituídas por grupos, departamentos universitarios, hospitais ou centros tecnolóxicos que traballan en liñas e proxectos estreitamente relacionados entre si.

Froitos dunha longa colaboración

A colaboración entre o CSIC e a Deputación de Pontevedra, a través da figura de “unidade asociada”, data de 2007, cando se crea a EFA-MBG. Froito da colaboración e das investigacións comúns foron a loita fronte ás pragas e enfermidades dos cultivos e a análise e estudo dos solos agrícolas. Ambas as entidades, nunha nova mostra de colaboración e de afinidade nas súas respectivas liñas de investigación, dous anos atrás iniciaron un proceso que agora se formaliza na Unidade de Sistemas Agroforestais.

A colaboración entre a Deputación e o CSIC, a través da Misión Biolóxica, plasmouse ó longo destes anos no apoio financeiro, por parte da institución provincial, destinado á investigación e á creación de bolsas de formación de persoal científico. Ademais, a Deputación prestou o seu apoio a diferentes congresos científicos organizados pola MBG nos últimos anos.

A Misión Biolóxica de Galicia é o centro máis antigo do CSIC de Galicia. Creouse en 1921 en Santiago de Compostela como centro de investigación e de produción de traballos científicos relacionados cos problemas da agricultura galega.

En 1928, cando era presidente da Deputación Daniel de la Sota, grazas ó apoio da institución provincial, este centro trasladouse ó pazo de Salcedo, onde aínda se atopa na actualidade. As súas instalacións ocupan un terreo de 12 ha, propiedade da Deputación, con tres edificios principais, o pazo de Salcedo, o edificio Cruz Gallástegui e o de Miguel Odriozola, así como outros edificios de servizos.

24 de setembro de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.