A mesa do naval reúnese en Vigo para sentar as bases das relacións laborais no sector
A mesa de emprego do naval, con representantes de patronal, Xunta e sindicatos, volverá reunirse este martes en Vigo para sentar as bases das futuras relacións laborais neste sector, despois de que os sindicatos pedisen as outras partes (nunha reunión anterior celebrada a principios de xullo), que achegasen documentación actualizada acerca da situación das empresas e os traballadores da industria auxiliar.
Xa nesa reunión previa ao verán, os sindicatos advertiran da necesidade de coñecer con máis exactitude a situación do tecido industrial auxiliar, antes de iniciar unha nova etapa na que se anuncia unha recuperación da actividade nos estaleiros da ría viguesa.
Entre as cuestións que se porán sobre a mesa están as consecuencias do desmantelamento dun grande número de empresas, e o destino de moitos operarios cualificados que, se non nas listas do paro, tiveron que irse a traballar fóra de Galicia ou mesmo de España.
Do mesmo xeito, os sindicatos formularon que as relacións entre parte social e empresarial han de estar marcada por un cumprimento estrito dos convenios colectivos, acordos sectoriais e outros, en materia de prevención de riscos laborais.
HORAS EXTRAS
Ademais, os representantes dos traballadores apuntaron a necesidade de eliminar as horas extras, para dar ocupación ao maior número posible de traballadores.
Os sindicatos pediron á Xunta información sobre os traballadores acreditados nas oficinas de emprego coa certificación do naval, para saber cántos están en paro e cantos en activo; ao tempo que solicitaron ás empresas que fagan unha estimación do emprego que xerarán ata finais de ano.











